jueves. 21.11.2024

Só tres semanas despois de que o Antela decidise, naquel partido na Moreira diante o Cartelle, que este ano quería xogar polo ascenso, os de Óscar Sabucedo chegan a un partido a todo ou nada na Peroxa, no campo dun dos líderes, A Peroxa, un clásico da categoría, o oso máis duro de roer. Parece que, visto o Vilariño, os rivais que proceden do outro grupo serán todo oso. Quedan sete xornadas e, polo menos nas inmediatas, cada partido será así: gañarse o dereito a seguir soñando, só iso.

Mañá (17:30 horas, e sobre herba artificial) o Antela non disporá de Pedro (lesionado). É unha baixa sensíbel. Pedro é algo máis que o máximo goleador do equipo xunto con Joni, é o factor desequilibrante no medio campo. Co regreso de Pancho, está por ver que papel concede Sabucedo a Xabi Lamas. O técnico volverá a contar tamén con Samuel e Germain. Son baixa, ademais de Pedro, Belucho e Manu Blanco.  

O equipo da Peroxa, da man de Iván Alonso desde o banco, foi quen de impoñerse nos dous partidos ao seu veciño do Pereiro, o Atlético Vilariño, resultados clave para acceder a esta segunda fase con 5 puntos. Xa suma 8 despois de gañar a semana pasada en Barbadás. É un candidato ao ascenso. Forte no seu feudo do Marco, onde gañou 7 partidos e só cedeu un empate na última xornada da primeira fase diante do Sporting Carballiño, conta ademais cun dianteiro en racha.

Víctor Oliveira (37 anos) non era titular en xaneiro, pero saíndo desde o banco marcou dous tantos decisivos no choque contra o Melias. Despois sumou un hat-trick na goleada ao Francelos (a mesma fin de semana que Pedro fixo o seu) e marcou o gol local no empate fronte ao Carballiño. Leva dez tantos, o que máis nos grupos ourensáns. En Barbadás non xogou. O seguinte anotador do A Peroxa é Oliver, con 5, os mesmos que Pedro e Joni no Antela. Iván Alonso volverá contra con Juanma, que non xogou en Barbadás por sanción.

A segunda xornada de competición na fase de ascenso a Preferente complétase cos partidos: Maside-Barbadás B, Sp. Carballiño-Sp. Celanova, e Atlético Vilariño-Allariz

FÚTBOL A LIMIA | Un domingo sen Pedro