jueves. 21.11.2024

Emilio Pazos, o alcalde popular de Trasmiras, leva hoxe ao pleno as contas do Concello para o 2022. “Son uns orzamentos reais, no sentido de que non se incorporan futuras subvencións, senón só o que hai: ingresos certos e gastos que debemos e podemos acometer”, explica ao Diario do Limia, onte martes.


Pazos préstase para unha fotografía diante do Centro de Saúde. As dúas últimas semanas foron intensas. Á baixa da médica substituta obrigou, durante unha semana, ás veciñas a se trasladar a Sarreaus para as consultas máis urxentes. O BNG denunciou a situación. O alcalde acudiu directamente ao xerente da área sanitaria.


Este martes mostra unha carta de Félix Rubial, o xerente, ten data do 27 de abril, mércores: “A doutora tivo un problema de saúde afortunadamente resolto dun xeito moi rápido, a día de hoxe a situación asistencial está normalizada”.


Uns días despois, o SERGAS anunciou que dotaba os centros de saúde de Xinzo e Trasmiras dun facultativo máis. “A min o que me explicaron é que esa nova praza estará en Xinzo, pero que ten a obriga de acudir a Trasmiras en caso de necesidade. Até o momento non sucedía así, porque a médica que temos asinada está en calidade de substituta e, se como pasou, ela falla... O que lle pedín e sigo a pedir á Xerencia é que en canto se resolva a situación do médico titular, cunha baixa longa, poñan outra titular. Agora o servizo está reforzado, si. Pero queremos tamén un titular”.


Pazos leva meses cadrando os orzamentos, pediu á oposición adiar o pleno para poder incluír todas as posíbeis subvencións e axudas pechadas. O luns viaxou a Compostela para reunirse con Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, e con Natalia Prieto, a directora xeral de Administración Local.


“Era unha reunión programada hai semanas. É certo que pronto será Presidente da Xunta, e haberá ocasión de vernos pronto. Pero esta semana tratamos asuntos que dependen do seu departamento”, di Pazos. Entre eses asuntos está a colaboración intermunicipal con Sarreaus, que continuará en todos os ámbitos, incluído o dos servizos sociais, malia que Trasmiras contará xa coa súa propia traballadora social (unha das decisións que pasan hoxe polo pleno).

Emilio Pazos con Alfonso Rueda e Natalia Prieto, a directora xeral de Administración Local
Emilio Pazos, con Alfonso Rueda e Natalia Prieto, a directora xeral de Administración Local. | FOTO: Xunta de Galicia.

Emilio Pazos tamén volveu reclamar diante de Rueda a necesidade de que os concellos afectados por infraestruturas de evacuación eléctrica, como é o caso de Trasmiras, con dúas aldeas, Santa Baia e Soutelo separadas por unha liña de alta tensión que ademais decorre paralela ao río Faramontaos, poidan recibir unha axuda anual fixa do fondo de compensación ambiental. “Até agora, nos 15 anos que levo aquí, temos que ir á subvención competitiva e só nola concederon en contadas ocasións”, lembra o alcalde.

No pleno de hoxe tamén se porá sobre a mesa o plan especial de dotacións para o novo cemiterio de Vilaseca. O cemiterio ao redor da capela e no mesmo centro da aldea está cheo. “Necesítase un cemiterio novo e será municipal. Estará en Vilaseca, pero haberá posibilidade de que outras familias do concello poidan solicitar reserva de espazo”, di Pazos.


A intención do alcalde, unha vez que o Concello dispón dos terreos e está en trámite o plan parcial que conta, anuncia, coa comunicación favorábel de Medio Ambiente, e iniciar canto antes o proxecto de execución para poder adxudicar a obra en canto se resolvan todos os permisos. “Antes de cinco meses, no prazo máis longo, estarase facendo o novo cemiterio”, asegura Pazos.

Cemiterio de Vilaseca. Trasmiras. Abandono rural (1)
Cemiterio de Vilaseca. | FOTO: Noelia Caseiro.

En canto aos orzamentos que hoxe debullará diante da corporación, o alcalde avanza que o investimento real estará ao redor dos 100.000 euros. E avisa que os gastos disparáronse pola subida dos combustíbeis. “No alumeado público, un 25% aproximadamente; ou por exemplo na emulsión asfáltica que se utiliza para reparar as vías, máis dun 50%”. “E menos mal”, conclúe, “que o ano pasado rematados a instalación da iluminación LED en Vilaseca, Zos e Abavides”

NOTICIAS A LIMIA | Trasmiras aproba hoxe un orzamento de 1.006.000 euros