Xuntos por Vilar de Santos, a forza maioritaria en Vilar de Santos con sete concelleiros, a corporación ao completo, negocia co Bloque Nacionalista Galego a nivel municipal para conformar unha candidatura única cara as eleccións locais do 28 de maio de 2023.
As negociacións comezaron hai unhas semanas e a principios de xullo tomarase unha decisión, confirmou esta mañá o alcalde de Vilar de Santos, Antonio Míguez, nunha entrevista co Diario do Limia. Desde o BNG, Marcos Nogueiras, o responsábel local, recoñeceu esta circunstancia e sinalou que as conversas avanzan cara unha lista baixo as siglas do BNG e con Antonio Míguez como número 1.
Con motivo dos seus primeiros 100 días de mandato desde que substituíra ao anterior alcalde, Xan Xardón, a principios de marzo, Míguez concedeu unha entrevista para facer balance, na que recoñece que “hai máis traballo do que esperaba” e tamén que está a recibir “todo o apoio por parte de Xardón, que continúa como tenente de alcalde”.
Preguntado por cal é a súa intención a respecto das próximas eleccións, Míguez mostrou disposición a se presentar no 2023, despexando as dúbidas de cando accedeu á alcaldía (“penso que temos que facer as cousas para lle dar paso á xente nova. Esa é a miña idea. O único seguro é que estarei un ano e dous meses”, manifestou ao Diario do Limia o pasado 4 de marzo). E a continuación referiuse ás negociación en curso: “Temos a reunión a finais de mes para ver se imos nas listas do BNG. Será o máis seguro”.
Antonio Míguez estivo presente nunha xuntanza dos deputados Xosé Luis Rivas e Iago Tabarés con produtores, acto organizado polo BNG en Vilar de Santos hai un par de meses. E hai dúas semanas tamén participou na charla que Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque, ofreceu en Xinzo de Limia. “Cando había actos do BNG en Xinzo soia ir, pero pasaba máis desapercibido porque non era alcalde”, explicou Míguez, e asumiu que “até agora estivemos como Xuntos por Vilar de Santos-Mareas Locais, pero temos predisposición a ir co Bloque”.
Marcos Nogueiras, responsábel local do BNG e un dos participantes nas conversas por parte da formación nacionalista, manifestou esta tarde que “houbo reunións entre militantes do BNG e de Xuntos por Vilar de Santos, e foron xuntanzas cordiais nas que se falou de que o mellor para todos é unirnos”. Nogueiras dixo ademais: “Démonos un mes para que a xente o pensase e na seguinte reunión tomaremos a decisión definitiva”.
O Concello de Vilar de Santos estivo gobernado por candidaturas independentes que triunfaron nos comicios municipais de 1979 e 1983. En 1987, como Agrupación Galega Progresista, encabezada por Xosé Antón Xardón Dacal, a lista obtivo case o 80% dos votos emitidos. Xardón Dacal mantivo a alcaldía (e as maiorías) xa como parte do BNG nas cinco convocatorias seguintes, entre 1991 e 2007.
Despois, con Xoán Xosé Xardón Pedras e como BNG, repetiu a maioría no 2011. Trala ruptura co BNG, no 2015 Xardón Pedras logrou a maioría como Compromiso por Galicia, e no 2019 xa como Xuntos por Vilar de Santos-Mareas Locais.