jueves. 21.11.2024

O PSdeG-PSOE de Ourense sigue coa súa rolda de reunións pola provincia e desta vez desprazouse ata a bisbarra da Limia para manter un encontro con representantes comarcais, escoitar as súas inquedanzas e recoller as reclamacións dos diferentes municipios. As e os socialistas puxeron en valor os investimentos do Goberno na comarca e manifestaron a necesidade de que a Limia conte cuns servizos sanitarios dignos.

No encontro participaron o senador e secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino; a deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez; a deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta; e a deputada provincial, Elvira Lama Fernández. Os cargos orgánicos reuníronse coa alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade; o alcalde de Calvos de Randín, Aquilino Valencia; e concelleiros e concelleiras do resto de municipios da comarca.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense destacan que a comarca da Limia "é un dos exemplos dos investimentos do Goberno central na provincia", en referencia aos 35 millóns de euros destinados polo Goberno de España para mellorar os regadíos na bisbarra. "Este investimento amosa a aposta decidida do Goberno polo futuro desenvolvemento da Limia e dos seus produtores, que poderán diversificar os seus cultivos, cun proxecto eficiente, sostible e que aposta polo aforro enerxético e hídrico" subliñaron os e as socialistas durante a reunión.

Reunión PSdeG-PSOE na Limia 2

Martín e Villarino puxeron en valor os diferentes investimentos levados a cabo nos últimos anos polo Goberno a través da Confederación Hidrográfica nos diferentes municipios da bisbarra. "Trátase de proxectos de saneamento e de melloras hídricas, que permitirán un mellor coidado do medio ambiente, potenciar os recursos naturais e canalizar e tratar as augas residuais", apuntan as e os representantes socialistas.

Repaso á situación da Pediatría

En referencia ao goberno autonómico, as e os socialistas da Limia reclaman a cobertura das prazas vacantes en pediatría, nunha comarca castigada polos recortes “masivos” e o desmantelamentos sanitarios do PP. Neste senso apuntan que a bisbarra precisa da "vontade política do goberno autonómico para frear o desmantelamento de servizos e o deterioro da atención primaria". Así llo trasladaron a representante socialista no Parlamento de Galicia, Rodríguez Dacosta.

O PSdeG-PSOE de Ourense salienta que o obxectivo principal destas reunións e "traballar sobre o territorio para desenvolver un proxecto socialista bisbarra a bisbarra, que permita construír un plan de futuro para a provincia". Os e as socialistas tamén apuntan a que "seguiremos percorrendo a provincia comarca a comarca para escoitar as inquedanzas dos municipios e dar traslado aos gobernos nacional e autonómico das diferentes demandas que teñen".

A IMAXE DE... | O PSDEG-PSOE de Ourense cos representantes socialistas da Limia