"Será un entroido distinto, adaptado ás circunstancias, pero haberá entroido", resumiu o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo ao remate da reunión que este martes mantiveron responsábeis das organizacións da festa en Xinzo, Verín, Laza, Viana e Vilariño de Conso. "Será un entroido máis de día e menos de noite. Sen aglomeracións", manifestou a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, anfitrioa da xuntanza que se celebrou no Salón de Plenos da Casa do Concello durante algo máis dunha hora.
Os Entroidos acordaron varias medidas coordinadas para evitar as aglomeracións de xente e o posíbel "efecto chamada" se algunha localidade se desmarcaba. Así, ese entroido adaptado ás circunstancias concrétase en que non haberá orquestras nin concertos, tampouco se celebrarán desfiles e as charangas estarán nas rúas, mais actuarán só pola tarde e non entrada a noite.
Estes foron os principais acordos dos representantes dos cinco concellos e entidades organizadoras. "Un bo acordo para todos que permitirá facer festa, unha festa máis nosa e con máis seguridade", segundo comentou a presidenta da Comisión do Entroido de Xinzo, Adriana Jiménez, tamén presente na reunión, xunto a Suso Fariñas e o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez.
No caso de Verín, Diego Lourenzo concretou os cambios. Non se celebrará o Xoves de Comadres nin o recibimento á Raíña e a Don Carnal, tampouco, o desfile. En Laza o Concello non organizará actos. A farrapada e a Baixada da Morena do luns de Entroido "queda a expensas da responsabilidade de cada cidadán", sinalou Xosé Ramón Barreal, alcalde da localidade.
"Apelamos ao principio de prudencia e á responsabilidade de cada veciña e veciño", dixo Elvira Lama, despois de dar por finalizada a reunión sen que a esa hora se coñecesen aínda as normas específicas para os entroidos que tiña previsto emitir hoxe o Comité clínico da Xunta. Como estaba pensado desde hai unhas semanas, en Xinzo non se organizará o Petardazo do sábado nin desde o Concello se repartirá fariña o Domingo Fareleiro. Non haberá desfiles nin concertos nin orquestras, e as charangas só saíran de día.
Foto dos representantes antes de iniciar a reunión no Salón de Plenos da Casa do Concello.
A alcaldesa avanzou tamén que o Concello de Xinzo elaborará un plan de autoprotección contando coa Policía Local, a Garda Civil, Protección Civil, a Subdelegación e os servizos de emerxencias. E dixo que "levamos dous anos reprimíndonos e hai ganas de celebrar de novo o entroido". Así que haberá "charangas, movemento, pero sen correr riscos innecesarios, con independencia das recomendacións que poida facer o Comité clínico ás que loxicamente nos axustaremos".
Levamos dous anos reprimíndonos e hai ganas de celebrar de novo o entroido" (Elvira Lama)
Todas estas decisións tómanse en función dos datos sanitarios dispoñíbeis a día de hoxe, e pendentes de que o Comité faga públicas as novas normas. O avance da sexta onda, con tendencia á baixada do número de casos activos en todo o país, parece que permitirá o tipo de celebración que deseñan os responsábeis políticos.