jueves. 21.11.2024

O BNG vén de rexistrar unha iniciativa nas Cortes do Estado ante a grave afectación que supuxeron os últimos temporais para o sector agrogandeiro galego para que o Goberno do Estado, e no concreto o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, aprobe axudas extraordinarias.

A senadora do BNG, Carme Da Silva, solicita a implicación do Ministerio e o Goberno para activar fondos de emerxencia que permitan paliar as perdas causadas polo temporal nas colleitas, sobre todo do sector da pataca na comarca da Limia, e na produción de millo forraxeiro, en comarcas de Lugo e da Coruña.

A borrasca Kirk provocou unha crise no sector agrogandeiro galego, especialmente en relación á recollida da pataca e do millo forraxeiro, cun impacto devastador que afecta tanto á economía rural como ao tecido social e produtivo do país. Os terreos anegados pola auga non permiten a entrada de maquinaria e, polo tanto, non se pode levar a cabo a recollida das colleitas.

"O Ministerio ten que aprobar axudas extraordinarias para o sector agrogandeiro galego afectado polo impacto da borrasca e activar fondos de emerxencia para paliar as perdas causadas polo temporal nas colleitas, alén dos seguros agrarios" sinala a senadora do BNG, que lembra o requirimento desta semana do deputado nacionalista, Néstor Rego, ao ministro Planas durante a súa comparecencia no Congreso. Estamos a falar, continúa da Silva, dunha situación de emerxencia "que debe facer que todas as administracións competentes tomen medidas de inmediato para apoiar aos agricultores e gandeiros afectados".

A produción de pataca da Limia

No caso concreto da comarca da Limia, sinala a senadora do BNG, son centos os agricultores e agricultoras os que sementaron pataca e está en risco de quedar nos campos. "Pérdese non só o traballo de todo un ano, senón tamén ingresos vitais para a subsistencia dos agricultores e a estabilidade do sector", evidencia.

"A pataca da comarca da Limia é unha produción estratéxica e o Ministerio debe interesarse pola difícil situación de perdas económicas que vai sufrir o sector da pataca" demanda Carme Da Silva ao Goberno.
 

Demandas de Adegal a Medio Rural

 

"A crise que atravesa o sector primario da comarca, centrada principalmente na agricultura e a gandaría, está poñendo en risco de supervivencia a numerosas explotacións e empresas vinculadas. Esta situación excepcional requiere accións inmediatas para evitar un impacto devastador na economía local". Así llo manifestaron as representantes de Adegal tanto ao delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo Cid, como ao xefe territorial de Medio Rural na provincia, José Antonio Armada, na reunión que mantiveron na capital este xoves. 

Laura Rodríguez (Adegal), José Antonio Armada, Manuel Pardo, Silvia Dorado e María Teresa Joga, presidenta de Adegal.
Laura Rodríguez (Adegal), José Antonio Armada, Manuel Pardo, Silvia Dorado e María Teresa Joga, presidenta de Adegal, na reunión do pasado xoves 18 de outubro. 

A situación agravouse aínda máis por mor das inundacións que deixou tanto o temporal Kirk como os sucesivos episodios de chuvia rexistrados, que están a impedir que a maquinaria acceda ás leiras para recoller a pataca, un dos cultivos clave. As primeiras estimacións fixan nun 60% as colleitas que quedarán sen recoller, o que acentúa, din dende Adegal, "a necesidade de axudas directas".


Na reunión, plantexaronselle aos representantes da Xunta unha serie de medidas "urxentes" que se resumen en:
 

  • Limpeza de canles e autorización de limpeza aos agricultores;
  • Declaración da comarca como zona catastrófica e aplicacións de exencións fiscais en impostos como o IBI, IRPF ou reducións nas cotas da Seguridade Social;
  • Axudas directas ó sector da pataca por inundacións, xa que se estima que o 60% quedará sen colleitar;
  • Adianto da PAC ás explotacións afectadas;
  • A través da Política Agraria Común, establecer axudas á compra de abonos, semente, etc., do mesmo xeito que se fixo coa guerra de Ucraína ou a seca.
  • Establecer un mapa de zonas asolagadas e compensar os custos de produción con axudas directas en cada expediente;
  • Establecer un punto de provisión de restos agrícolas, plásticos, sacos e demais consumibles dun só uso que o sector agrogandeiro habitualmente utiliza nas súas explotacións,
  • E prestar unha especial atención ao cultivo do cereal de inverno, xa que quedarán unhas 10.000 hectáreas sen sementar, encadeando así o terceiro ano consecutivo. 

O BNG pide no Senado activar un fondo de emerxencia para a pataca da Limia