Camilo Vila e Manuel Pozo votarán en contra, no vindeiro Pleno previsto para este xoves ás 9:00 horas, de que o Concello de Xinzo "lle regale máis de 40.000 € a unha empresa privada".
O BNG de Xinzo manifesta a súa negativa absolutamente rotunda á proposta de Bonificación dos Impostos de Construción á empresa privada Residencia Val de Monterrei S. L., participada principalmente por persoas afiliadas ó Partido Popular e ao Partido Socialista, varias delas ostentando cargos públicos como alcaldes e alcaldesas da comarca da Limia. Cun orzamento de máis dun millón e medio de euros, a empresa privada tenlle solicitado ó Concello que a exima dos impostos correspondentes que ascenden a máis de 40.000€, ó que o Grupo de Goberno está disposto.
Camilo Vila advirte que "un Concello cunha economía maltreita, que ten que facer unha modificación de crédito para pagar as facturas, que acaba de subir os prezos polo uso das piscinas sen ningún rubor, perdóalle agora a unha empresa privada 40.000€ ".
O Bloque de Xinzo apunta a que os 24 meses de estancia en catro anos que promete a empresa son un engano en tanto que, segundo o acordo, para facer uso deles, requírese de dispoñibilidade de prazas, algo completamente extraordinario neste tipo de recursos, caracterizados xa polas longas listaxes de agarda para poder acceder a unha desas prazas.
Ademais, Vila apunta que "é un servizo privado que será só para quen o poida pagar e a xente de Xinzo con pensións inferiores a 1500€, case todas, quedarán fóra dun servizo básico que debería ser público por dereito".