O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia destaca a "parálise e o abandono" que vive o municipio cando se cumpre un ano da toma de posesión de Amador Díaz como alcalde a través dun pacto co PP. As e os socialistas critican que a día de hoxe "non se logrou nin un só avance, nin proxecto por parte do alcalde e do seu grupo de goberno Áxil-PP, o que supón un ano perdido para as necesidades da poboación de Xinzo".
Para o grupo municipal socialista esta situación "bota por terra as numerosas promesas de Amador Díaz, quen afirmaba que da man dos seus novos socios do PP ía conseguir maiores investimentos para o concello". Tal e como sinalan as e os socialistas "o alcalde está vivindo de rendas", en alusión aos numerosos proxectos que se están executando e foron conseguidos polo anterior equipo de goberno, co PSOE ao fronte.
A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, afirma que tras un ano de mandato "queda latente que as promesas do alcalde non se cumpriron e que só serviron para botar por terra o traballo feito polo anterior goberno, que tiña un proxecto de modernidade para Xinzo, que melloraría a calidade de vida da veciñanza".
"O desleixo e o abandono que sofre a vila e tódolos núcleos do rural é máis que evidente", subliña Lama Fernández, que tamén apunta que "a día de hoxe non se executou ningunha obra importante, nin ningún novo servizo foi posto en marcha". A voceira socialista tamén recalca que "non temos constancia de ningún financiamento adicional para levar a cabo os proxectos estrela que se prometeron como o auditorio ou o remate do parque empresarial".
As e os socialistas poñen o foco na "pésima" xestión do funcionamento municipal e sinalan que "numerosas rúas e beirarrúas atópanse nun estado máis que lamentable, sen que haxa atesvos de reparación ou mantemento". Tamén destacan que o famoso Plan Hurbe que ía servir para o acondicionamento do casco vello, "nin aparece, nin ten financiamento, máis aló de botar aglomerado en lugar de substituír as innumerables lousas de pedra rotas, o que supón un grave atentado patrimonial en plena Vía da Prata".
"Os principais parques están cheos de maleza e herba e sen ningún tipo de mantemento, nin tan sequera nas zonas de xogo, as xardineiras desapareceron da Praza Maior e as que quedan están abandonadas a súa sorte, situación que se repite tamén no campo da feira", láianse dende o grupo municipal socialista. O PSOE de Xinzo tamén pon o foco nas instalacións deportivas "nas que non hai melloras, nin acondicionamento", no edificio e nas instalacións das piscinas exteriores que "esmorecen na ruína, a piques de comezar o verán" ou nos campos de fútbol da Moreira que "non recibiron as melloras prometidas". Tampouco nada se sabe do plan estratéxico da Limia prometido para este concello e comarca pola Xunta de Galicia.
Xinzo segue perdendo poboación, algo que en palabras de Elvira Lama amosa que o goberno municipal "non é capaz de atraer e fixar poboación, nin de impulsar proxecto relacionados co emprendemento, que permitan atraer novos habitantes". Neste senso, tamén pon o foco en que "non hai proxecto para crear emprego, namentres se seguen pechando comercios e negocios de hostalaría". En relación á pataca, as e os socialistas critican que o alcalde e presidente da asociación de produtores "non logrou ningún avance para o sector, máis aló dunha viaxe de autobombo a Ecuador, financiada a través dunha revista especializada, a quen se lle adxudicou a promoción da Feira da Pataca de Alimagro, polo módico prezo de 11.000 euros". Nada se sabe da planta de residuos agrogandeiros nin da de tratamento e recollida de plásticos da agricultura.
"Despois dun ano de mandato, o único que gaña é o ego persoal do alcalde, que ve como agora o traizoan os que para poñelo de alcalde, prometeron aquelo que non vai chegar", remata Elvira Lama.