A xunta directiva do Padroado do Museo da Limia, en Vilar de Santos, decidiu otorgar o Premio Pedra Alta 2024 ao historiador Edelmiro Martínez Cerredelo, natural de Xinzo de Limia (1946). A proposta, feita polo Consello Asesor do museo, foi aprobada na xuntanza celebrada este sábado, 19 de outubro, na que participaron máis de vinte membros.
Co galardón, que este ano chega á súa VII edición, o Museo da Limia quere recoñecer o labor de Edelmiro, coñecido como "Miro", e renderlle unha homenaxe aos eruditos locais que, grazas ao su esforzo e dedicación, contribuíron de maneira decisiva ao estudo e á divulgación da historia da comarca.
Miro, nomeado Fillo Predilecto de Xinzo de Limia en 2022, destaca pola súa incansable actividade investigadora sobre a memoria histórica da Limia, un campo apenas explorado antes del.
En 2006, obtivo o título de Graduado Universitario Sénior pola Universidade de Vigo no campus de Ourense. Desde entón, acomete un intenso e fecundo traballo de investigación e difusión centrado na memoria máis próxima das terras da Limia, un campo case ermo antes del. Ese mesmo ano, aparece o seu primeiro libro, A prensa en Xinzo de Limia. Século XX (1911-1925). Dous anos máis tarde, ve a luz a monumental Historia e memoria. A Limia:1931-1953.
O labor pescudador e divulgador de Edemiro Martínez non cesa, indagando mesmo en períodos máis afastados: Julián Toubes 1796-1870. O correxedor que quixo desecar a lagoa (2009); Historia de Xinzo de Limia (2012), ou Xinzo de Limia na memoria (2016).
Tres das súas obras abordan a traxectoria de manifestacións lúdico-culturais do territorio: Antela Fútbol Club. Centenario 1919-2019 (2019); O Entroido en Xinzo de Limia. Tradición. Respecto. Sentimento (2021) e Historia Musical de Xinzo de Limia (2021).
Entre tanto, colabora con varias revistas (Lethes, Raigame, A Palloza, Lúa Nova; etc.) e con diversos xornais.
Acto de entrega
A entrega do galardón, unha réplica en granito da Pedra Alta (contribución altruísta do escultor Xosé Lois Carreira) acompañada dun diploma acreditativo, terá lugar nun acto público solemne que se celebrará no Museo da Limia (Vilar de Santos) o vindeiro sábado día 9 de novembro. Como vén sendo habitual, o acompañamento musical correrá a cargo do pianista Luis Humberto Cao e do tenor Baldomero Pavón.