Amador Díaz, líder de Alternativa por Xinzo de Limia (ÁXIL), xa ocupa o seu novo cargo como alcalde do Concello. A súa chegada á alcaldía estivo marcada por un pleno de investidura no que a tensión e os insultos cobraron máis importancia que a propia democracia. Díaz afronta estes vindeiros catro anos de goberno, co apoio do PP, con ganas de traballar para mellorar Xinzo.
Con que sensación quedou tralo tenso pleno do pasado sábado?
Quedei coa sensación de borrón e conta nova. O pobo de Xinzo é hospitalario e non soe dar ese tipo de imaxes, pero nós taparémoslle a boca con feitos aos que estaban alí berrando. Iso é o máis importante. Eu sabía que algún tipo de actitude en contra habería, só que non o agardaba deste xeito.
Como se atopa a súa familia tras vivir ese momento?
Ben. Foi unha situación complexa, pero ao final entendérono. A miña filla Noa é unha campioa e está súper orgullosa de que o seu pai sexa alcalde.
Que pensa de que Elvira Lama lle pedise públicamente a Ramón Gómez que o traizoase?
Eu non entendo que pedisen a un compañeiro da miña lista que me traizoase. Realmente non lle din importancia, pero tampouco me sorprendeu.
Elvira Lama ten que pensar que no 2019, o PP era a forza máis votada. Se isto é un atraco, que dixo ela hai catro anos?
A exalcaldesa tamén cualificou este pacto de "atraco á vontade popular". Como valora esas declaracións?
Elvira Lama ten que pensar que hai catro anos, o PP era a forza máis votada e sacou unha foto co organigrama da corporación. Nesta ocasión, negouse a sacala. Se isto é un atraco, que dixo ela hai catro anos? Roubou, atracou? Daquela o máis votado era o PP e ela gobernou, sen que houbese estes follóns. Ninguén atracara a ninguén e fixérase esa foto da nova corporación, unha imaxe que agora non temos pola súa negativa e a do seu grupo.
Como foi o seu primeiro día como alcalde?
O que teño que dicir é que o único que fixen foi cambiar de despacho, xa que ao final estabamos no organigrama do anterior goberno. Agora empezamos con outro tipo de responsabilidades, asumindo o traballo diario que hai nun Concello como é o de Xinzo, que nos tocará despachar todos os días.
Terá dedicación exclusiva?
Si, voume dedicar en exclusiva ao Concello.
Como cre que quedará a súa relación con Elvira Lama?
Eu son unha persoa á que lle gusta o diálogo e espero que a oposición, neste caso, faga aportacións e colabore. Eu estou aberto a negociacións se fose necesario para sacar grandes proxectos adiante, que ó final é o máis importante.
Influíu o feito nestes últimos catro anos na súa decisión de pactar co PP?
Eu creo que non pesou o traballo destes catro anos ou a relación. A verdade é que non cheguei a entender que nos tivésemos que sentar a negociar ata en catro ocasións, foise tensando a corda sen necesidade. Mentres, estabamos negociando co Partido Popular e, finalmente, a nosa agrupación e a nosa xente sopesou todo. Ao estar dentro do Concello sabíamos cal era a súa situación económica e houbo unha serie de proxectos e historias que se puxeron enriba da mesa, os que fixeron que nos decantásemos polo apoio do PP.
No 2019 asegurou que non pactaría co PP. Que cambiou para que agora o fixese?
Simplemente optabamos a ser a forza máis votada e, dentro desa lexitimidade como agrupación de intentar logralo, non contemplabamos un pacto con ninguén. Tiñamos que ver como se daban as circunstancias e ó final, mirar polo mellor para os veciños. Isto é o que nos permitiu tomar agora esta decisión, que pode ser acertada ou equivocada, pero esperamos conseguir grandes logros para esta vila.
Cales serán as primeiras actuacións nas que se porán a traballar?
Enriba da mesa hai moitas cousas sobre as que temos que traballar. O estado da Pista Armada é unha prioridade. Conta cun proxecto feito, de case 400.000 euros, polo que intentaremos que sexa algo preferente para levar a cabo. Do resto, temos que sentarnos e valoralos. Dentro do programa electoral tiñamos algúns proxectos de infraestruturas que coincidían e nese senso temos que traballar.
Que valoración fai da súa aportación no cuatripartito?
Eu creo que ben, dentro das áreas da nosa competencia. Medramos en número de votos e fomos a primeira forza no rural, do que eu era o concelleiro, polo que é unha gran satisfacción. O traballo feito, neste caso, deu os seus froitos. Non foi ningún erro pactar como o fixemos naquel momento.
Non podemos antepoñer as siglas, porque o obxectivo ten que ser a consecución de cousas para os veciños e veciñas
Chegará este goberno ao final do mandato?
Claro que si. Eu creo que son unha persoa moi dialogante, no me grupo hai dúas persoas máis. Non podemos antepoñer as siglas, porque o obxectivo ten que ser a consecución de cousas para os veciños e veciñas. Pensando nesa premisa, non creo haxa ningunha dificultade.
De todos os proxectos que contemplan, cal consideraría un fracaso se non o logran sacar adiante?
Hai moitos proxectos importantes e algúns dependen da composición do novo goberno. Eu espero que continúe o proxecto para as avenidas de Ourense e Madrid porque ten dotación orzamentaria e está pendente de adxudicación. Agardo que se seguirá con el. Do resto que temos, que son un montón, se logramos cumprir coa metade, xa sería un gran mandato.
PERFIL Nome: Amador Díaz Penín. Lugar de nacemento: Piñeira Seca (Xinzo), 1972. Afeccións: "Encántame ir ás fincas, xa que son agricultor. Tamén me gusta ver o fútbol, especialmente o local. Por último, desfrutar da miña familia, algo que teño que facer máis porque a política rouba moito tempo con ela". |