jueves. 21.11.2024

As eleccións municipais están cada vez máis preto e os partidos están a rematar os equipos que os representarán o 28 de maio. O candidato do BNG en Xinzo, Camilo Vila (Boado, Xinzo, 1985), presentou recentemente unha parte das persoas que traballarán con el neste proxecto de cara aos comicios, baixo o lema "Un concello de 10, un concello de 10.000".

Xunto a Vila estarán Manuel Pozo, enxeñeiro de telecomunicacións e ligado sempre á ANPA do CEIP Carlos Casares; Alba Feixóo, avogada e histórica militante nacionalista; Marta Joga, educadora e vencellada ó ámbito da música tradicional; e Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo en Ourense. Un equipo "formado, sólido e compensado", como o cualifica Vila.

Marta Joga, Manuel Pozo, Camilo Vila, Alba Feixóo e Xosé Manuel Cid, na presentación do equipo do BNG ás eleccións municipais de Xinzo. | FOTO: Noelia Caseiro.
Marta Joga, Manuel Pozo, Camilo Vila, Alba Feixóo e Xosé Manuel Cid, na presentación do equipo do BNG ás eleccións municipais de Xinzo. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

Que o motivou a tomar as rendas do BNG de Xinzo de cara ás vindeiras eleccións?

Ter a posibilidade de mellorar cousas no teu concello é un motivo que enche de ilusión a calquera, a min o primeiro. Son unha persoa moi social e síntome moi querido, así que dar este paso foi algo moi natural. A xente do BNG de Xinzo celebrou moito o meu regreso á Limia fai ano e medio, polo que quixen corresponder aportando canto estea na miña man.

A pasada semana presentou ao seu equipo. Por que se decantou por cada unha destas persoas?

Porque necesitamos un equipo formado, sólido e compensado. Estou feliz co equipo que xa é público, pero non sei se estarei aínda máis contento co que aínda non se sabe... Contar cun decano da Universidade de Vigo é algo ó alcance de moi poucas listas, así que Xosé Manuel Cid era o home ideal. Marta Joga apórtalle ó equipo a bagaxe de toda unha vida arredor da cultura e de ter unha capacidade crítica e autocrítica que é imprescindible ó traballar para a xente, que tamén é a súa profesión. Alba Feixóo é o equilibrio perfecto entre a experiencia na política local, a intelixencia e a calidade que aporta unha avogada. E Manuel Pozo vai ser, apóstollo a quen sexa, a grande sorpresa do próximo mandato. Enxeñeiro, maduro, talentoso, rigoroso e pai. Que dera este paso ó meu lado emocióname. Esa sorpresa tívena ben gardadiña. O meu equipo é un iceberg. Eu son a punta, esta xente da que acabo de falar é a parte visible, pero a que non se ve, é dez veces máis grande.

Toma o relevo de Ramiro Rodríguez no BNG. Como cualificaría o papel que desenvolveu estes anos no goberno local?

Xestión sen alardes. Unha persoa que nunca quixo un foco demais e realizou tanto traballo ingrato ás veces, polo que ten todo o meu recoñecemento. Fixo de cemento entre as pedras do cuatripartito e iso é unha realidade que non creo que ninguén discuta. É outra das moitas persoas coas que estou construíndo o proxecto cara a alcaldía.

Na presentación do seu equipo, Camilo Vila estivo acompañado por outros candidatos como Manuel Conde, de Vilar de Barrio; Cristina Cid, de Allariz; Silvia Piñá, de Baltar; Celso Sánchez, de Maceda; Juan Antonio Rivero, de Rairiz de Veiga; María do Mar Alonso, de Trasmiras; Antonio Míguez, de Vilar de Santos; e Sonia Vidal, de Xunqueira de Ambía. | FOTO: Noelia Caseiro.
Na presentación do seu equipo, Camilo Vila estivo acompañado por outros candidatos como Manuel Conde, de Vilar de Barrio; Cristina Cid, de Allariz; Silvia Piñá, de Baltar; Celso Sánchez, de Maceda; Juan Antonio Rivero, de Rairiz de Veiga; María do Mar Alonso, de Trasmiras; Antonio Míguez, de Vilar de Santos; e Sonia Vidal, de Xunqueira de Ambía. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

E cal é a súa valoración do traballo feito polo cuatripartito ao longo destes catro anos?

Considero que se fixo moito traballo nun tempo difícil, pero Xinzo merece máis, como di o noso lema. O cuatripartito chegou ata o final do mandato contra moitos dos prognósticos e iso hai que recoñecelo como meritorio. Non tivo que ser fácil. Faltaron un obxectivo común e unha estratexia ben definida e firme.

Con que expectativas se presentan ás eleccións?

Coa de ser o partido que máis medre. Así de rotundo. O BNG de Xinzo ten unha oportunidade histórica. Conseguimos perfilar un estilo de traballo que a xente xa recoñece -alegría, positivismo, dinamismo, constancia...-, un equipo do que xa se coñece parte e un proxecto que comecei a presentar fai apenas unha semana, pero que se leva cocendo desde o verán.

Ó principio desta andaina non pensaba chegar con tantas posibilidades a dous meses das eleccións

Cales van a ser as súas liñas a seguir no caso de ser elixido como alcalde?

Van ser cinco e van ser consensuadas coa veciñanza e colectivos. Queremos un concello que mereza un 10 e que chegue ós 10.000 outra vez. O noso proxecto aséntase en cinco ideas clave: nacer e medrar en Xinzo, traballar en Xinzo, vivir en Xinzo, coidar e coidarse en Xinzo e desfrutar en Xinzo. Pero é tan importante iso coma a maneira de conseguilo. Sei que cómpre estar coa xente, falar coa xente e traballar coa xente. Quero ser así. Tamén recoñezo que ó principio desta andaina non pensaba chegar con tantas posibilidades a dous meses das eleccións. É como se cada día o crese máis. Con cada fichaxe, con cada acto, con cada abrazo, parece que estamos máis cerca de conseguilo.

Carlos Pérez foi o mestre de cerimonias deste acto de presentación. | FOTO: Noelia Caseiro.
Carlos Pérez foi o mestre de cerimonias deste acto de presentación. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

Vendo o traballo que desenvolve no CDR O Viso. Fixar poboación no rural e favorecer a creación de emprego, son unha parte importante do seu programa electoral?

Medrar en Xinzo, Vivir en Xinzo e Traballar en Xinzo son tres dos cinco piares do meu proxecto, claro que si, e son tamén obxectivos fundamentais para o CDR. Forman parte do meu día a día, pero teño moi claro onde acaba o BNG e onde empeza o CDR. Non quero mesturar nin que se mesturen as cousas. Son un tipo afortunado. A miña profesión vai do mesmo polo que din este paso na política, axudarlle á miña xente.

Na política sempre se fala de pactos, que opcións contemplan vostedes?

A opción que contemplamos é a de ser moi importantes, canto máis, mellor. Máis ca de pactos polo poder, queremos falar de acordos, de ideas, de proxectos, de melloras... A min non me interesa pactar con este partido ou este outro. A min o que me interesa é que haxa prazas nas escolas infantís e nas residencias de persoas maiores, que nas aldeas haxa actividades para a xente maior e para a nova, que se senten nunha mesa a hostalería, o comercio, a industria, o sector primario e o Concello, para saber que concello queremos de aquí a 20 ou 30 anos. Se é para construír iso, aquí estou.

A presentación do equipo de Camilo Vila contou coa participación de máis de 150 persoas. | FOTO: Noelia Caseiro.
A presentación do equipo de Camilo Vila contou coa participación de máis de 150 persoas. | FOTO: Noelia Caseiro.

ENTREVISTA | Camilo Vila: "O cuatripartito fixo moito nun tempo difícil, pero Xinzo...