Despois de dúas lexislaturas no Parlamento de Galicia, Carlos Gómez Salgado non forma parte da candidatura do Partido Popular por Ourense para as eleccións autonómicas do 18 de febreiro. O seu lugar vai ser ocupado por Cristina Campero, recente fichaxe do PP de Xinzo. Presidente da xestora local do Partido Popular, Gómez Salgado subliña o seu compromiso de "seguir traballando por Xinzo" nesta nova etapa.
Como valora esta situación?
Na política estamos de paso, tratei de facer o meu traballo e servir a Galicia o mellor que puiden; con lealdade ao Partido Popular e compromiso cos galegos e as galegas. Despois destes anos creo que é oportuno deixar espazo para novas incorporacións. Cristina é unha fichaxe de Antonio F. Veiga; nestes meses xa se fixo un oco, e non é doado no mundo da política.
É moi gratificante atopar persoas que como ela comprométanse co proxecto do Partido Popular e que queiran participar en política. Deséxolle moita sorte e moitos éxitos a esta xoven que vén pisando forte. Esperamos que os compañeiros do AXIL apoien e pidan o voto publicamente para Cristina; penso que temos ao alcance o 55,27% dos votos ao PP das eleccións do 2020, pero se traballamos xuntos e superamos o 59,18% do ano 2016, temos ao alcance unha deputada na Limia e no grupo de Goberno, que sería moi importante.
Vai gañar a candidatura do Partido Popular?
É unha candidatura excelente; a mellor, con diferencia, de cantas se presentan. Combina demostrada experiencia cunha renovación que proporciona frescura coas novas incorporacións para o proxecto do Partido Popular de Galicia.
En canto ao gañador das eleccións, non teño dubidas. Os galegos sabemos diferenciar entre o Partido Popular, que se dedicou a gobernar con fiabilidade e compromiso cos galegos e galegas durante os últimos anos, e os que optaron polo non, pola negación de todo, e por poñerlle un tras outro atrancos a Galicia e aos galegos. Temos o mellor candidato, o mellor proxecto, o mellor equipo e o mellor partido. Con Alfonso Rueda Galicia funciona.
Teño moita ilusión e proxectos para seguir traballando por Xinzo, que sempre foi a miña prioridade
Algunhas voces do seu partido reclaman un congreso local; sendo o presidente da Xestora do PP de Xinzo, vai convocalo?
Non me corresponde a min convocar o congreso. En canto o pida o Comité executivo provincial faremos o chamamento á militancia. Estamos preparados e incluso diría que será un momento importante para o futuro do PP de Xinzo. Nas municipais conseguimos o obxectivo: chegar ao goberno a pesar dalgunhas dificultades. Estamos gobernando en coalición con AXIL, con Amador Diaz ao timón, activando un concello desnortado nos últimos catro anos.
Entón, vai seguir no Concello?
Pois claro, o compromiso é ate maio do 2027. Teño moita ilusión e proxectos para seguir traballando por Xinzo, que sempre será a miña prioridade; nesta ocasión como segundo tenente de alcalde e concelleiro de Relacións institucionais, Cultura, Educación e Turismo e, de momento, tamén como presidente da xestora local do Partido Popular.
Como leva a bicefalia con Antonio Fernández Veiga, o portavoz municipal?
Estupendamente, temos unha excelente relación persoal e política. Comunicámonos e compenetrámonos moi ben, estamos en sintonía e sobre todo somos dous limiaos que queremos o mellor para o noso concello. O traballo dos catro compañeiros do grupo municipal popular está dando moitos e moi bos froitos. En canto a Toni como primeiro tenente de alcalde, só se pode dicir que é un home traballador, comprometido e leal.
Estamos conseguindo sacar proxectos e iniciativas importantes en colaboración con outras institucións
Levamos sete meses de coalición PP-AXIL no goberno municipal, como valora este tempo?
Moi ben, entendendo que non somos o mesmo grupo e que temos personalidades diversas. O prioritario e o que nos une é querer traballar por e para Xinzo; e aí hai empatía, coordinación e colaboración. Estamos conseguindo sacar proxectos e iniciativas importantes en colaboración con outras institucións. O cambio de actitude, exenta de protagonismos, a implicación e a xestión que estamos a facer o goberno actual vaise vendo día a día e creo que o percibe a veciñanza a pesar deste curto período de sete meses.
Que proxectos destacaría?
En primeiro lugar quero destacar a colaboración entre institucións; fundamentalmente coa Xunta de Galicia e coa Deputación de Ourense, que están detrás do impulso ás importantes obras e servizos que se están facendo no concello. Hai tres proxectos nos que o Partido Popular de Xinzo leva anos traballando; un deles, a modernización do regadío da Limia, con 7 millóns de fondos propios da Xunta máis o 20% comprometido ista semana para diminuír a achega dos regantes polo IVE. Tamén a ampliación do Parque Empresarial, cun orzamento de licitación de 4.361.836,36 millóns de euros.
E o terceiro que destacaría é a humanización do casco histórico de Xinzo, que suporá unha transformación integral do Barrio de Abaixo, cun orzamento URBE de 856.000 dos que o 70% o aportara a Xunta de Galicia en dúas anualidades. E xa que estamos no tempo de Entroido e a Xunta acaba de incoar o expediente BIC, ímoslle dar un pulo e un novo enfoque á xestión do Museo Galego do Entroido.
Teremos Auditorio neste mandato?
Pois é outro dos proxectos no que estamos a traballar o Goberno municipal, como xa comentaron Alcalde e Concelleiro de obras, inicialmente a través dun concurso de ideas en colaboración co Colexio de Arquitectos de Ourense, centrado na transformación do Campo da Feira, onde preténdese construír o Multiusos que levabamos no programa, e o anhelado, como di vostede, Auditorio Municipal. Iremos dando os pasos necesarios, sin precipitación pero sin pausa.
Trandeiras cumpriu 500 anos, en que momento están as obras de recuperación?
É unha obra proposta no seu momento á Confederación Hidrográfica polo hoxe alcalde de Xinzo, Amador Diaz;, ninguén mellor que el para falar deste tema. Na fase actual téñense feito importantes traballos de desentullo e consolidación de paredes e muros. Tamén unhas sondaxes arqueolóxicas que están sacando á luz importantes achados para unha mellor comprensión e estudo do que foi este importante mosteiro franciscano.
Non quixera deixar pasar a ocasión sen preguntarlle pola loita pediátrica...
Un tema tan importante como o da sanidade infantil non debería ser obxecto da politización e instrumentalización por parte dalgúns partidos. Temos un gran sistema sanitario que cómpre seguir mellorando, o Partido Popular estará sempre apoiando e traballando por conseguir a mellor sanidade pública.
En Xinzo temos dúas prazas de pediatras que non se van suprimir, non se van amortizar. Actualmente un dos especialistas está de baixa médica e estase intentando substituílo con outro pediatra; sen moito éxito pola falta destes profesionais en toda España, non só en Galicia. En canto queden vacantes activarase o proceso de contratación, que se fará da maneira mais áxil posible, incluso utilizando o sistema de prazas de difícil cobertura. Malia todo, o servizo estase dando puntual e sin demoras, garantindo a cobertura nun ou dous días, máximo 48 horas, para atender ás solicitudes de cita pediátrica. Obviamente tamén estanse cubrindo as urxencias.