jueves. 21.11.2024

Carlos Gómez Salgado recupera, no Concello de Xinzo, unha carteira que coñece ben, a de Cultura. Láiase no Diario do Limia da falta de previsión do anterior grupo de Goberno nesta materia. E avanza que xa está a traballar para pór en marcha unha Eurocidade con epicentro o Couto Mixto. 

O Concello está a ter unha ampla programación deportiva para estes meses de verán. Que teñen planificado no eido cultural?

Precisamente esta semana presentaremos a oferta cultural para o que resta de verán. Será unha programación ampla, intrafamiliar e centrada fundamentalmente en todas as fins de semana. Poremos nas rúas de Xinzo o programa Limiarte: un verán de Lingua e Arte. O 25 de xullo, Día de Galicia, celebrarémolo no barrio do Polígono cun dos grandes musicais galegos, "Camiñantes e cantantes", do grupo La Oca, que fará un percorrido musical a través dos intérpretes galegos dos últimos cincoenta anos, como foron e son Andrés do Barro, Ana Kiro, Pili Pampín, Xil Ríos... E un longo etcétera. 

E na Festa do Esquecemento a través dun convenio coa Xunta de Galicia chegará a Xinzo outro gran espectáculo, nesta ocasión co Bruxo Queiman!

 
Día grande de Xinzo este martes cunhas festas de gobernos pasados. Como as valora?
O primeiro que quero é desexarlle á xente que desfrute destes días na honra da nosa patroa Santa Mariña.

No que respecta ao programa, teño que dicir que son unhas festas que Ricardo Sieiro, o concelleiro de Festexos, atopounas feitas. Seguro que, coñecendo a Sieiro, sentirase algo frustrado por non poder participar nesta ocasión na programación como desexaría. Pero tamén estou seguro de que con Ricardo ao frente os futuros eventos e festas, Samaín, Magostos, Entroido, mellorarán organizativa e cualitativamente.

Como atoparon as arcas municipais para poder destinar fondos ás actividades das que vostede é responsable, no que resta de ano?

Non acostumo a queixarme da situación económica, son máis de buscar solucións, e petar en todas as institucións para conseguir os recursos necesarios, e o que é mais importante, xestionar estes recursos responsablemente. 
Pero é certo que o anterior concelleiro de Cultura e a alcaldesa non deixaron absolutamente nada programado para o verán, nin cartos para facelo, mesmo nin sequera previron ás Xornadas de Folclore, nin o convenio co Xacobeo "Cultura no Camiño" que oferta anualmente unha grande variedade de concertos e actividades, sobre todo para estes meses. 
A verdade que é dificil de explicar o desleixo manifesto da alcaldesa e do concelleiro pola cultura do noso Concello. O actual grupo de Goberno co alcalde ao frente traballará para recuperar o tempo perdido.
 

O anterior concelleiro de Cultura e a alcaldesa non deixaron absolutamente nada programado para o verán, nin cartos para facelo


Como valoraría entón o traballo do exconcelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez?
O Bloque e Ramiro estiveron ausentes e desmotivados, metidos como sempre noutras cuestións politicas de ámbito supramunicipal típicas e tópicas desta formación nacionalista.
Este desleixo, por certo, foi aproveitado pola alcaldesa para, con pouca fortuna e menos éxitos, invadir as competencias do concelleiro de Cultura tentando acaparar todo o protagonismo.

 
Que propostas e proxectos culturais ten pensado para Xinzo ao longo deste mandato?
Son moitos e moi diversos, pero o primeiro, recuperar o tempo perdido. Temos, e refírome ao grupo de Goberno, o firme compromiso de dotar a Xinzo dun Auditorio Municipal, reactivar o Museo Galego do Entroido e o Museo Os Mundos de Carlos Casares. Programaremos o ciclo de teatro de humor que comezamos no mandato 15-19. Tamén queremos retomar as relacións con Ponte de Lima e Montalegre; neste senso vou propoñer e traballar para crear a Eurocidade do Couto Mixto, que incluiría a Montalegre, Baltar, Calvos de Randín e ao Concello de Xinzo. Seríamos a quinta Eurocidade da Eurorexión, tres no Miño e dúas na raia seca de Galicia co Norte de Portugal e traballaremos para conseguila, e para que a cultura en Xinzo sexa un referente.

ENTREVISTA | Carlos Gómez: "Traballaremos para pór en marcha a Eurocidade do Couto Mixto"