A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama (Xinzo, 1963) aspira a renovar mandato coas eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. Lama, que encabeza unha vez máis a lista do PSdeG-PSOE na localidade, valora estes últimos catro anos do cuatripartito, nos que a pandemia ou o efecto da guerra de Ucraína, condicionaron a posta en marcha de diversos proxectos.
O PSdeG-PSOE segue apostando por vostede como candidata. A que se debe a decisión?
En primeiro lugar porque veño de ser a alcaldesa deste Concello nos últimos catro anos, dentro dun goberno de coalición no que o Partido Socialista é o maioritario. Fomos quen de chegar ata o final do mandato. Penso que a razón da miña candidatura é máis que evidente e, ademais, os meus compañeiros levan confiando en min desde as tres anteriores lexislaturas. Nesta ocasión, con máis motivo o fan. Logo, eu tamén estou con ganas porque acabamos de rematar un mandato no que só puidemos traballar a metade polas complicacións da pandemia, a guerra en Ucraína e os problemas coas subministracións. Quedamos con moitos proxectos concedidos e financiados para este concello sen poñer en marcha e, algúns deles, xa poderán comezar as obras unha vez que rematen as eleccións. Son propostas de moita envergadura e cartos, conseguidos con financiación do Goberno de España e incluso da Xunta, como é a ampliación do parque empresarial.
Como describiría ao equipo que a acompaña nestas eleccións?
É un grupo de homes e mulleres, cabal, honesto, traballador e cunha ambición desmedida por servir ao seu pobo. Saben que son o fío directo que temos con Madrid e outras administracións para conseguir financiamento para todos os proxectos que melloren a calidade de vida dos veciños e veciñas, tanto na vila coma nas aldeas, e iso só o pode conseguir esta candidatura. Teñen unha vocación de servizo público, vindo á política co obxectivo de mellorar a vida de todos e todas. Pensouse en perfís de xente nova en idade, que nos acompañan nas ideas de querer o mellor para a nosa veciñanza. Somos un grupo que vén a servir, mentres que outros veñen a servirse.
Que valoración fai do cuatripartito ao longo destes catro anos?
A valoración é positiva, xa que fomos capaces de formar un goberno progresista e cunha alcaldesa socialista á cabeza. Logramos apartar un pouco as ideas, que non os ideais, para poñer por enriba de todo aos veciños e veciñas e ás súas necesidades, que foron moitas e moi variadas. Cando nos atopamos cunha pandemia, inmediatamente nos puxemos todos a traballar para salvar ás persoas. Este cuatripartito e esta alcaldesa, especialmente eu, non deixou de traballar nin un só día para conseguir eses proxectos que están sobre a mesa.
Cales son as propostas que teñen para Xinzo?
Para o próximo mandato contamos cun investimento de 50 millóns de euros, non sei se moitos alcaldes da provincia o poden dicir. 35 millóns irán destinados para a renovación dos regadíos, 4 servirán para reformar toda unha travesía, 1,5 millóns para Trandeiras ou os 3 para o paseo do río e a eliminación de verquidos. Temos solicitado a creación dun xeriátrico e buscaremos financiación para grandes proxectos como a construción dun auditorio ou a reforma integral do campo da feira para convertelo nun pavillón de feiras e exposicións. Logo, atendendo ás demandas da xente das aldeas, que son moitas, dotarémolas de centros sociais nos que poidan tecer redes e facer comunidade. Ademais, o Partido Socialista aposta decididamente para que a xente se quede aquí, que teña un lugar onde desenvolver un proxecto vital. Buscaremos a creación de emprego ou do autoemprego, incentivaranse dalgún xeito con axudas para alugar un baixo ou que se poida traballar con fibra óptica no 100% do concello. Tamén trataremos de captar o maior número de empresas posible para que se instalen na ampliación do parque empresarial. Isto todo é fundamental para subir dos 10.000 habitantes, pero tamén para que a xente non teña que marchar. Precisamos poboación nova, para que haxa un recambio xeracional, que teñan aquí aos seus fillos e fillas. Para iso hai que ter emprego no concello.
Para o próximo mandato contamos cun investimento de 50 millóns de euros, non sei se moitos alcaldes da provincia o poden dicir
Que expectativas teñen de cara ás eleccións do próximo domingo?
As expectativas sempre teñen que ser optimistas, especialmente nesta recta final. Os ánimos deben estar ben subidos e a xente ten que contar con ganas para traballar e explicarlle á xente por que merecemos catro anos máis de goberno socialista. Xinzo está a funcionar, dun xeito que non era o de antes, e a maioría que precisamos para transformar o noso concello con todos estes proxectos, ten que estar liderada polo Partido Socialista. Sen un goberno progresista, sería retroceder cara ao pasado e xa o coñecemos, porque o tivemos durante 16 anos co Partido Popular que xa nos chegaron dabondo.
Na política, en moitas ocasións, hai que falar de pactos. Que opcións contemplan vostedes?
A única opción posible sería con forzas de esquerda. Nós nunca pactaríamos co PP nin con VOX, que esperamos non entre no Concello porque, aínda que todos teñen o dereito a presentarse, son todo o contrario ao que nós defendemos que son os dereitos das persoas, a liberdade, a xustiza social e as melloras persoais de cada individuo. Os nosos pactos serían sempre con forzas progresistas, formando un goberno nos que sexamos capaces de entendernos como o fixemos estes catro anos.