jueves. 21.11.2024

A historia de Carlos Gómez como novo home forte do Partido Popular en Xinzo de Limia, un dos feudos históricos da dereita en Ourense, empezou a escribirse en San Pedro de Rocas nunha reunión da Executiva provincial do partido. De alí saíu con plenos poderes para reorganizar a formación na vila, a través dunha xestora, despois de que a etapa de Antonio Pérez que rematara da peor maneira posíbel coa inhabilitación do ex alcalde e a perda do goberno municipal nas municipais de 2019.

Carlos Gómez ten 62 anos. É parlamentario galego en Compostela. Político pausado e conciliador, di que prefire a xenerosidade á lealdade. E explícase: “a lealdade pode transformarse en submisión; a xenerosidade é o que acaba de amosar Baltar na sucesión de Feijoo”.

E aplica esa máxima. Na primeira pregunta da entrevista, que se realizou esta semana no coworking Xpazo, a sede desde este mes do Diario do Limia en Xinzo na rúa Curros Enríquez, deixa clara unha cuestión que nesta altura, a un ano das municipais, cómpre ir aclarando en cada formación.

Vai ser vostede o candidato do PP á alcaldía de Xinzo en 2023?
Non. O PP ten candidato en Xinzo. É Antonio Fernández Veiga.

Que misión lle encomendaron a vostede naquela reunión en San Pedro de Rocas?
Basicamente, activar o partido en Xinzo, darlle unha estrutura orgánica formal e prepararnos para as eleccións do 28 de maio de 2023. Nada se falou de candidatos nin de candidaturas. Simplemente, iso. Contando con todo o mundo. A min o que se me encomendou é traballar a carón de Antonio Fernández Veiga, que polo que a min respecta é o candidato do Partido Popular. Reúne todas as condicións, ten o meu apoio e no ano 2019, obtivo a maioría nas urnas. Iso significa que tivo o apoio da militancia do PP e dunha maioría das veciñas e veciños.

Hai candidato a falta da ratificación nun congreso local...
Haino. Exacto. Deberá ser designado polo congreso, que faremos este ano. Hai candidato salvo que el non quixese asumir a responsabilidade, mais polo que me consta, está disposto a facelo.

“Estamos cumprindo unha penitencia merecida. Cometéronse erros e sufrimos o castigo nas urnas. En política hai que estar cando veñen ben e, tamén, cando veñen mal.”

Como está sendo ese traballo de reactivar un partido tan danado por todo o que aconteceu no anterior mandato? 
Estamos cumprindo unha penitencia merecida. Cometéronse erros e sufrimos o castigo nas urnas. Está claro que non o fixemos ben a ollos da cidadanía, e malia ter gañado as eleccións, colocáronnos na oposición. En política, como dicía Alberto Núñez Feijoo, hai que estar cando veñen ben e, tamén, cando veñen mal. Formamos un grupo de cinco persoas para dirixir á xestora, distribuímos tarefas e empezamos a estar presentes na rúa xunto ao grupo municipal. Estamos a conformar a alternativa ao actual goberno local.

Cal vai ser o seu rol a partir de agora a un ano das municipais? 
Teño o privilexio de traballar no que me gusta. Adoro o servizo público. Estou cómodo no Parlamento galego. Pero estou a disposición de Antonio Fernández Veiga e da militancia do PP de Xinzo. Tamén teño que dicir que teño 62 anos. E penso que hai que introducir xente moza, con ilusión. A ilusión é fundamental en política. Ilusión por mellorar a vida dos veciños.

Carlos Gómez. PP. Entrevista. Xpazo (6)
Carlos Gómez, durante a entrevista na sede do Diario do Limia nas instalacións do Xpazo.

Ten vostede esa ilusión para mollarse de novo na política municipal? 
Xa lle digo que me gusta o servizo público. Estarei onde me diga o partido. Pero tamén lle digo que veño do asociacionismo. E se non teño que estar en política, non descarto volver a incorporarme ao asociacionismo. Motívame traballar pola xente, polo noso.

Como ve a situación actual do asociacionismo en Xinzo, en xeral, e no ámbito cultural, en particular? 
Non vou ser moi crítico co goberno local. Considero que o asociacionismo e a vida cultural necesitan máis apoio. Penso que a cultura tamén é importante en canto a motor económico e social para unha vila. En Xinzo hai asociacións que están intentando facer cousas, mais pasa moito iso de dicir se son ou non son dos nosos. Detesto iso... Para min, no ámbito da cultura, todos son dos meus. Eu tiven na Comisión do Entroido a 27 persoas. Paréceme útil e enriquecedor o debate, a diversidade de ideas. Paréceme que hai pouca implicación do goberno e da concellería de Cultura con este movemento social.

“Estarei onde me diga o partido. Pero tamén lle digo que veño do asociacionismo. E se non teño que estar en política, non descarto volver a incorporarme ao asociacionismo.”

Que visión ten Carlos Gómez sobre o que debe ser o Museo do Entroido?
Estiven na xénese dese museo a mediados dos noventa. Lembro ter recibido a felicitación de Iglesias Sueiro [anos despois, alcalde socialista de Xinzo] por ter contado con todos naquelas primeiras reunións de traballo. Empezamos moi ben. Despois tivemos diferencias. Aquilo decaeu. Mesmo xurdiu unha plataforma a prol do Museo. No 2015 conseguimos poñelo en marcha. O plan de axustes obrigounos a ceder a xestión á Deputación. Mais penso que quen ten que tirar polo Museo é o Concello de Xinzo. Non vexo tampouco esa implicación. E penso tamén que a Asociación da Pantalla non pode ficar nun segundo plano. 

Carlos Gómez. PP. Entrevista. Xpazo (3)
Carlos Gómez é parlamentario do PP por Ourense no Parlamento galego.

O Antela. Vostede foi directivo e estivo moi preto do club nestes meses de loita polo ascenso. Conseguido o obxectivo, cal debe ser agora a implicación do Concello de Xinzo? 
Bótase en falta, desde hai anos, un apoio máis decidido. E cando digo apoio non falo de asistir aos partidos coa bufanda, que foi o que fixen eu mesmo agora ou o que fixo a alcaldesa. Falo dun apoio económico firme, decidido e comprometido. E non só por parte do Concello, tamén do resto da poboación. Temos que ser socios e apoiar o Antela. É o equipo da vila. Creo que é un símbolo de unión. Deses fan falta moitos. Os motivos de discrepancia, ás veces, se non os temos, inventámolos. Hai que reforzar esas cuestións que nos unen, o Entroido, o Antela... Hai equipo, ha directiva, hai cadro técnico. Son heroes que necesitan recoñecemento social e apoio económico. 

“O Antela é o equipo da vila. Creo que é un símbolo de unión. Deses fan falta moitos. Os motivos de discrepancia, ás veces, se non os temos, inventámolos.”

“Hai equipo, ha directiva, hai cadro técnico. Son heroes que necesitan recoñecemento social e apoio económico.”

Carlos Gómez. PP. Entrevista. Xpazo (1)
Gómez foi directivo do Antela e este ano acompañou ao equipo nos últimos partidos da fase de ascenso.

A alcaldesa dixo que o proxecto de reforma das avenidas ben merece un mandato. Que pensa vostede? 
Eu penso que non. Penso que un mandato é o balance de catro anos de xestión. Mire, se un investimento de 4 millóns é o mandato, pois teño que lles recordar que o goberno do PP no mandato anterior investiu case 15 millóns. Se o fiamos todo a unha foto, a un anuncio... Agora estanse a anunciar actuacións plurianuais: as avenidas, Trandeiras... todo en clave electoralista. 

Que lle parecen esas intervencións proxectadas nas avenidas e en Trandeiras? 
Benvidas sexan. Son importantes. Hai que traballalas moito. Penso que finalmente terémolas que xestionar nós, e o faremos mellor. Este goberno carece de empatía cara a cidadanía. Tiveron catros anos para transformar aquel lema do PSOE, Xinzo clama ao ceo, en algo concreto, nun Xinzo agradece. Pero o que hai é unha desconexión importante entre os políticos que conforman o goberno e a cidadanía. 

“Entendo que Amador Díaz é unha persoa traballadora e que ten un programa para o sector primario e está traballando por iso. Ten boas ideas, eu aprecio o traballo de Amador. Pactar? Dependerá de que cheguemos a ese momento.”

Se o PP non consegue a maioría absoluta en Xinzo en 2023, terá con quen pactar para ser goberno? 
Se conseguimos ilusionar a nosa base, se imos unidos, que é a clave, o Partido Popular volverá recuperar a maioría absoluta. Quedamos moi preto desa maioría no 2019 nun dos peores momentos do PP en Xinzo. 

Amador Díaz sería un socio para o PP? 
Non o sei. Vou dicir unha cousa. Non serei o candidato a alcalde do PP en Xinzo, mais se eu fora alcalde de Xinzo pactaría con calquera, sempre e cando chegaramos a un acordo sobre o que hai que facer. Entendo que Amador é unha persoa traballadora e que ten un programa para o sector primario e está traballando por iso. Ten boas ideas, eu aprecio o traballo de Amador. Pactar? Dependerá de que cheguemos a ese momento. E,se me permite, direi outra cousa...

Adiante.
Isaac Vila chegou a ter de conselleiro a Antonio Rodríguez. Quen era Antonio Rodríguez? O bibliotecario de Xinzo, un membro importante do PCE que despois se presentou con Iglesias Sueiro. Era un home de esquerdas convencido e socialmente apreciado. Creo que nas vilas fundamentalmente facemos xestión. Hai que centrarse na xestión e nos proxectos. E se Amador, ou Manolo Pérez, ou mesmo xente de Elvira Lama... se podemos chegar a un acordo, por que non imos traballar xuntos? Eu non descartaría apoio ningún. Por iso lembro ese momento de Antonio Rodríguez, un home dunhas profundas conviccións, e un dos mellores concelleiros de Cultura que tivo Xinzo.

Carlos Gómez. PP. Entrevista. Xpazo (4)
Carlos Gómez considera exemplar a transición de Feijoo a Rueda.

Como está afectando a substitución de Feijoo por Rueda ao partido?
Despois de ver as transicións noutros partidos, creo que o PP de Galicia neste sentido foi un exemplo de normalidade e cordialidade, con continuidade. Temos proxecto para Galicia e líderes formados e preparados en absoluta sintonía co partido, coa militancia e co grupo parlamentario.  

Que papel lle corresponde a Xosé Manuel Baltar no futuro do PP no país?
Na política de hoxe fálase moito de lealdade. A min gústame máis falar de xenerosidade. Ás veces abúsase do termo lealdade, está sobrevalorado, e ás veces a lealdade transfórmase en submisión. Baltar tiña toda a lexitimidade para se postular á Presidencia do PP de Galicia, mais valorou por riba do interese persoal os intereses de Galicia. Foi un exercicio de xenerosidade no proceso de sucesión de Feijoo. E creo que acertou de pleno.  

“Neste momento está enriba da mesa o mapa de augas afectadas e a declaración de zona vulnerábel. Terá a consellería que abordalo nestes dous anos que quedan de lexislatura. Sen precipitación, pero sen pausa.”

Que futuro debuxa o Partido Popular para Xinzo, cabeceira dunha das grandes comarcas rurais do país?
Hai anos ADEGAL propuxo declarar A Limia zona agraria prioritaria. Eu propúxeno na Consellería de Medio Rural. Neste momento está enriba da mesa o mapa de augas afectadas e a declaración de zona vulnerábel. Terá a consellería que abordalo nestes dous anos que quedan de lexislatura. Sen precipitación, pero sen pausa. Temos un problema, certo; pero tamén teño que dicir que se ves o mapa de zonas vulnerábeis, o resto de España é Chernóbil comparado connosco. Ten que caber a produción en ecolóxico na Limia, e tamén a intensiva; o mesmo coa gandaría, ten que haber intensiva e extensiva. Hai unha serie de compromisos. Igual imos un pouco lentos. Está o PEL. Non o coñezo en detalle, pero será o que marque a estratexia. 

Carlos Gómez. PP. Entrevista. Xpazo (5)
O parlamentario galego opina que a declaración da Limia como zona vulnerábel debe de se abordar "sen présa pero sen pausa".

Que ten que ser o primeiro?
Pois esa planta de tratamento de xurros que está prometida. A primeira das catro a que se comprometeu a Xunta ten que estar na Limia. E, tamén, os agricultores e os gandeiros teñen que ter claro que medidas terán que cumprir. Hai que darlle tempo á consellería para que traballe con todos os sectores.

Incluídos os ecoloxistas?
Por suposto.

Que vai supoñer esa declaración de zona vulnerábel?
É una oportunidade para a sostibilidade...

Vaia! O mesmo din os ecoloxistas...
Na miña opinión a sostibilidade ten tres patas: o medioambiente, a económica e a social. Creo que deben estar compensadas. Unha exacerbada protección do medioambiente produciría na nosa comarca un deterioro do nivel de vida. Creo que hai que equilibrar. E facelo, insisto, sen présas pero sen pausa.
 

ENTREVISTA | “O PP ten candidato en Xinzo: Antonio Fernández Veiga”