Concha Conde, presidenta de ProLimia desde 2020, anunciou a semana pasada aos socios da asociación de comerciantes de Xinzo que deixa o cargo. Con ela, marcha o seu equipo. A data para a renovación dos órganos directivos está fixada: o 8 de marzo.
Por que dimiten?
Porque levamos dous anos traballando a tope. Porque as ideas esgótanse e é necesario que veña xente nova. Porque pensamos que é o momento.
Foi duro o traballo?
Son horas que fas despois de atender o teu propio negocio. En ProLimia é a directiva quen asume todo o traballo, non hai persoal profesional dedicado á asociación. Non me queixo. Cando chegou o momento, todos os que estabamos con Amador [Amador Fidel Conde, o anterior presidente, falecido en decembro de 2020] demos un paso adiante. A min tocoume asumir presidencia. Tiven moito apoio e só teño palabras de agradecemento...
Para quen?
Para todos, os primeiros, os veciños de toda a vida que son quen están mantendo o comercio local a flote, os nosos clientes. E para todas as institucións, desde a CEO [Confederación Empresarial de Ourense] até o goberno de Xinzo, empezamos case ao mesmo tempo, e temos que dicir que tanto a alcaldesa como os concelleiros estiveron e están sempre que os chamas. Por iso dixen na asemblea da semana pasada que hai moito traballo feito, que quen veña non teña medo da responsabilidade, que isto vai case só. Case... hai que lle meter horas.
Concha Conde, presidenta de ProLimia.
Faga balance. Como colleron a asociación e como está?
Pois mire. Cando collemos a asociación, con Amador á cabeza, pensabamos que estaría peor, porque levaba un tempo sen moita actividade. Pero sorprendeunos. Había moito traballo feito. Pasáronnos un tocho así de documentación [abre as mans como quen colle un paquete groso]. Listados de socios, contas, memorias... Foi menos traballoso ao principio do que pensabamos. E agora pasa un pouco o mesmo. Hai moito traballo, moitas campañas que se fixeron e están aí. Hai unha bagaxe.
Mais hai que lle meter horas, di...
Claro. Organizar as campañas ou as feiras leva moito tempo, aínda que as institucións boten unha man. Mire, o verán pasado fixemos unha feira, cincuenta tendas, tres días, catro ou cinco mil visitantes calculamos... Pois eu, ao pechar a libraría, tiña que ir a reunións ou falar coa alcaldesa. E mesmo estando na feira, deixar o meu posto ou poñer a alguén que o atendera para solucionar calquera problema da organización. Todo iso son horas. Esforzo. Cansancio.
Que foi o mellor e o peor deste ano e pico para o comercio local de Xinzo en medio dunha pandemia?
A nivel interno, en ProLimia, especialmente na directiva, eu diría que foi a unidade. Empezamos como coñecidos e agora temos unha relación moito máis estreita. Fixemos moitas campañas xuntas e aínda estamos noutra, a do San Valentín. A nivel de negocio, xa o dixen: os clientes. Eu penso que o peor desta pandemia, en canto ao comercio, xa pasou. O ano pasado foi duro, este ano será mellor, estou convencida.
Concha Conde, este sábado durante a entrevista co Diario do Limia.
Como de duro?
Non houbo demasiados peches. A xente de Xinzo, os comerciantes en particular, somos xente que resiste, que se lle ten que meter horas ao negocio, metémosllas. Por nós non vai quedar. Penso que esa é unha das maiores virtudes. Os comerciantes de Xinzo somos xente moi traballadora e resistente. Por iso se aguantou, e se tivemos que tirar de aforros, agora toca repoñelos.
É vostede máis optimista que a maioría...
Comprendo que a situación en xeral non é boa. Temos problemas os pequenos e téñenos os grandes. Pero hai saída. No verán, cando a pandemia remitiu, tivemos unha feira de comercio moi positiva. A xente animouse. Nesta última campaña de Nadal a valoración que fixeron os socios, estamos falando duns 170 negocios, foi tamén moi positiva.