martes. 03.12.2024

O Concello de Xinzo, coa súa Corporación ao completo e por unanimidade, acordaron no pleno deste venres nomear Fillo Adoptivo ao mestre Gonzalo Iglesias Sueiro, unha das figuras máis senlleiras da capital antelá, que non só formou a centos de escolares nas moitas xeracións nas que foi docente e mesmo director no CEIP Rosalía de Castro, senón que tamén chegou a ser unha figura política de alcance gobernando na vila entre os anos 1999 e 2001.

A súa incalculable traxectoria como pedagogo, a súa contribución no eido da cultura e a súa capacidade política e de servizo público, remarcan a figura do homenaxeado e representan unha honra para toda a veciñanza da capital limiá.

Esta proposta xorde dunha iniciativa popular encabezada, entre outros, polo xa xubilado Alfonso Lois, anterior técnico de Cultura do Concello e quen este venres agradeceu publicamente e no mesmo pleno o acordo unánime de todas as forzas políticas.

Alfonso Lois, extécnico de Cultura do Concello de Xinzo, e un dos promotores da iniciativa popular. | FOTO: Noelia Caseiro.
Alfonso Lois, extécnico de Cultura do Concello de Xinzo, e un dos promotores da iniciativa popular. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

Tras unha moción do PSdeG-PSOE, todo o pleno votou de xeito unánime a favor de solicitarlle á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que siga investindo nunha nova fase do Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras, afondando nas infraestruturas hidráulicas e canalizacións das que dispón. O presidente da CHMS amosou o seu interese neste novo proxecto no mes de marzo, cando realizou unha visita ás últimas obras de acondicionamento deste importante recurso patrimonial para toda a comarca.

O PSdeG levou ao pleno deste venres unha moción para solicitar a segunda fase de Trandeiras. | FOTO: Noelia Caseiro.
O PSdeG levou ao pleno deste venres unha moción para solicitar a segunda fase de Trandeiras. | FOTO: Noelia Caseiro.

Tamén se ratificou o convenio de colaboración para o Obradoiro de Emprego do Peregrino entre os Concellos de Xinzo de Limia e Sandiás. Este programa, que se desenvolverá por terceira vez, incluirá diversas actuacións de embelecemento e pon en valor unha vez máis a colaboración intramunicipal como cabeceira de comarca.

Discutida suba de taxas das piscinas

Tamén se aprobou o convenio que permitirá comezar na maior brevidade as obras da Pista da Armada cun custo de cero euros para as arcas do Concello, e procedeuse á aprobación inicial da modificación das taxas polo uso das infraestruturas deportivas, o que suporá un notable aumento nos prezos -de ata un 45 por cento con respecto ás tarifas existentes- para equiparalo ó doutros Concellos semellantes.

Foi aquí onde a oposición, tanto BNG como PSdeG, criticaron tan importante suba nas taxas pola utilizacións das piscinas cubertas e descubertas, apoiando o seu discurso na non necesidade de que os servizos públicos sexan rendibles para a Administración, porque "para iso xa pagan impostos os administrados", apuntou Camilo Vila, do BNG. 

Elvira Lama incidiu no mesmo e lembrou o "esforzo que o anterior grupo de Goberno levou a cabo para manter uns servizos aos que vostedes agora lle están subindo o prezo, cando nós xestionabamos os recursos en plena pandemia e unhas instalacións que recibimos do goberno no que vostede agora está -en referencia á condición popular da actual concelleira de Deportes, Cristina Campero-, nunhas condicións penosas", recalcou a voceira do PSdeG no Concello de Xinzo de Limia

Carlos Gómez, e a súa compañeira, Cristina Campero, escoita a crítica pola subida das taxas das piscinas. | FOTO: Noelia Caseiro.
Carlos Gómez, e a súa compañeira, Cristina Campero, escoita a crítica pola subida das taxas das piscinas. | FOTO: Noelia Caseiro.
Por último, destacouse favorablemente a visita do Alcalde Amador Díaz á provincia ecuatoriana de Tungurahua, en favor da internacionalización de Xinzo de Limia e da cooperación social con distintas rexións de todo o mundo

Gonzalo Iglesias Sueiro será Fillo Adoptivo de Xinzo por vontade popular