O Pavillón de Deportes de Xinzo de Limia será o escenario da Gala do Deporte 2024, unha celebración que homenaxeará o esforzo e a dedicación dos deportistas e clubs da vila e da comarca. Máis de 50 premios serán entregados nun evento que busca destacar o talento, a constancia e a paixón polo deporte que caracteriza á Limia.
A gala, que terá lugar o próximo día 23 de decembro ás 20:00 horas, estará conducida polo coñecido xornalista e presentador Rafa Durán. A noite contará tamén con momentos de entretemento, como a actuación musical en directo da banda "Algo pasa con Mery".
Un dos aspectos máis simbólicos desta edición é a composición do xurado, integrado por técnicos deportivos do concello, personalidades vinculadas ao deporte local e os tres últimos concelleiros de deportes de Xinzo, incluíndo á actual responsable, Cristina Campero. Esta decisión pon en valor a unidade e a continuidade na promoción do deporte en Xinzo de Limia.
Como parte da programación, o público poderá gozar dunha exhibición de ximnasia rítmica a cargo das EDC Xinzo. Esta demostración servirá para destacar o traballo e a dedicación das novas promesas deportivas da vila, poñendo en valor o nivel e a calidade desta disciplina.