A Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia reuniuse con Cristina Campero Dorado, deputada polo Partido Popular no Parlamento de Galicia, para solicitarlle o seu apoio en diversas iniciativas encamiñadas a defender os intereses dos produtores da Limia.
Dende ADEGAL transmitíronlle que as administracións públicas débense implicar, apostar, potenciar e protexer a actividade de todas as explotacións agrícolas e gandeiras existentes, así como facilitar as ampliacións e o relevo xeracional. Entre as medidas de apoio solicitadas están a posta en marcha dun plan integral de xestión de residuos agrogandeiros, a limpeza de canais e ríos e o acondicionamento de pistas de concentración parcelaria.
Ademais, dende ADEGAL piden que se faciliten os cambios de uso dos terreos forestais a agrícolas restrinxidos pola ZEPA e que se flexibilice a PAC e as axudas ao cereal; así como que se outorgue una autorización excepcional para o uso de drons para tratamentos fitosanitarios.
Por outra banda, ADEGAL ten solicitada unha audiencia coa nova conselleira do Medio Rural para darlle a coñecer a comarca e trasladarlle as problemáticas dos sectores representados. Falaron coa deputada ourensana Cristina Campero para que lles axude a facer realidade a reunión.