jueves. 21.11.2024

O presuposto do 2021 de Xinzo de Limia terá o capítulo de inversión real máis elevado da historia, case un millón de euros, e a súa aprobación levarase ao pleno previsto para este xoves, ás 9:30 horas.

O orzamento ascende a 8.000.000 de euros, en canto ao capítulo de gastos, e a 8.476.000 euros no capítulo de ingresos. A diferenza entre ambas cantidades responde ao plan de axuste ao que está sometido o Concello, debido á delicada situación económica na que se atopaba. Neste sentido, o Ministerio de Facenda fixo a recomendación de reducir un 3% o gasto corrente e de persoal.

No referido ó capítulo de inversión real, este ascendería a un total de 962.750 euros. A esta cuantía hai que sumarlle as subvencións para asociacións e entidades, ou ao fondo de continxencias. O goberno local manifestou a súa intención de aprobar cantas modificacións de crédito sexan necesarias para habilitar axudas que palien os efectos da crise que se vive na actualidade. Este orzamento xa foi aprobado inicialmente na sesión do pasado 25 de febreiro, cos votos favorables de todos os partidos con representación na Corporación municipal, agás o Partido Popular.

Mocións

Na orde do día, figura unha moción conxunta dos grupos municipais de PSdG-PSOE, AXIL, XA, BNG e da concelleira non adscrita, Montse Lama, para solicitarlle ao Goberno central a autorización excepcional na comarca da Limia do uso do antexermolante DMN. Cómpre recordar que unha das fortalezas das que dispón a comercialización das patacas producidas na bisbarra é a capacidade de almacenamento e conservación, que os agricultores poden realizar ata os meses de abril ou incluso maio.

A base desta almacenaxe era o emprego masivo de produtos antexermolantes con Clorprofam, que a Comisión Europea xa non consente. Unha das solucións que se están presentando noutros países é a autorización extraordinaria do 1,4-dimetilnaftaleno, coñecido como DMN, un composto presente naturalmente nas patacas que inhibe a súa xerminación, reducindo a respiración dos tubérculos.

 A maiores desta, tamén se debaterá unha moción do Partido Popular para elaborar un Plan de Auto-protección de edificios e eventos.

Modificación de servizos

Na sesión plenaria, ademais tratarase o cambio do regulamento do servizo de abastecemento de auga potable, e a modificación do regulamento do servizo de vertidos á rede de sumidoiro do Concello. Trátase de permitir a conexión das naves de uso agrario ó sistema de abastecemento, e que poidan verter á rede xeral de saneamento, sempre que non haxa verteduras que superen os límites da escala contaminante que establece o regulamento.

O obxectivo é reducir o número de fosas sépticas que empregan actualmente, sempre e cando os seus vertidos cumpran os requisitos legais, xa que se non é así, terán que ter a súa propia instalación depuradora para o tratamento das súas augas residuais.

Expediente de honra ó capitán da Garda Civil José Luis Casas

Nos temas a tratar no pleno deste xoves día 15, inclúese o expediente de honra ao capitán da Garda Civil José Luis Casas. Destacarase a súa dedicación a prol da seguridade dos veciños de Xinzo de Limia, e remarcarase a súa colaboración coa Policía Local, xa que contribuíu á elaboración do Plan de Auto-proteción do Entroido. 

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo leva ó pleno deste xoves a aprobación definitiva do orzamento...