A Escola Rural de Saúde da Limia e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue colaboran na organización dunha serie de charlas que se están a desenvolver na comarca para concienciar sobre a importancia de doar. Esta tarde, contarán cunha xornada informativa sobre a doazón de órganos na Casa da Cultura de Xinzo, concretamente na Aula 2 ás 17:30 horas.
Ao longo do 2022, na comarca da Limia leváronse a cabo 707 doazóns de sangue e, grazas a iso, realizáronse 354 intervencións cirúrxicas, 71 transplantes de órganos e 141 transfusións de plaquetas a enfermos oncolóxicos. Na charla desta tarde, as persoas que queiran saber máis sobre a doazón e o transplante de órganos poderán escoitar ao doutor Jesús Priego, coordinador de transplantes do CHUO, e á traballadora social Rosa Iglesias.
Por concellos, o volume de doazóns foi maior en Xinzo, con 579, o que se traduce nunha taxa de 62 por cada 1.000 habitantes e ano. Con este tipo de actividades de sensibilización, queren amosar a importancia deste solidario xesto. Cada día necesítanse 500 doazóns nos hospitais galegos para levar a cabo a súa actividade diaria e "ninguén está a salvo de que nalgún momento da vida xurda, de improviso, algún tipo de enfermidade ou disfunción que precise unha transfusión ou un transplante de órganos".
Estas xornadas xa visitaron os concellos de Porqueira, Xinzo, Vilar de Barrio, Sarreaus e Sandiás. A próxima semana rematarán, o día 3, cunha charla na Boullosa, en Baltar. Os gobernos municipais tamén colaboran nesta iniciativa, que conta coa apoio da Deputación de Ourense.