viernes. 22.11.2024

Este sábado terá lugar no Toural a segunda edición das Olimpíadas Rurais Interpobos que organiza o CDR O Viso, en colaboración co Colectivo RAS e o Concello de Xinzo. O pasado venres colgouse o cartel de completo, acadando un número de grupos inscritos superior ao da primeira edición do 2022.

Vilar de Santos é o vixente campeón e, este sábado, terá que defender o seu título ante máis rivais. "Agárdase que esta nova edición supere amplamente á do ano anterior en número de participantes posto que contamos xa cunha ducia de equipos inscritos", sinala Borja Rubén, presidente do colectivo RAS, colaborador neste evento do CDR O Viso. No 2022, o número de grupos que formaron parte desta olimpíada era de oito.

As probas, que se desenvolverán ao longo da xornada, medirán as forzas e destrezas dos participantes de cada grupo. Algunhas serán de carácter individual, as de lanzamentos ou a de loita galega; mentres que outras implicarán a todos os participantes de cada grupo, como son a carreira de relevos ou o campionato de brilé.

 

O lanzamento de pataca volverá a ser unha das probas estrela deste evento, ao que se lle suman "os vintos a modo de exhibición, para que os asistentes descubran e aprendan sobre este xogo popular en toda Galicia e con especial arraigo nas aldeas da Raia”, resalta Borja Rubén.

As II Olimpíadas Rurais Interpobos complétanas numerosos premios que se entregarán entre os participantes, pero tamén levarán a cabo diversos sorteos nos que rifarán material de establecementos relacionados co deporte, clubes deportivos e outras entidades do eido social que se suman ao evento. "Contamos xa cun considerable número de colaboradores, que supera con creces ó da pasada edición: arredor duns cinco negocios locais, oito clubes deportivos coma o Antela F.C. e organizacións e entidades sociais coma Limisi", sinala o presidente do colectivo RAS.

As probas comezarán ás 11:00 horas, cun triatlón, e continuarán as 14:00 horas, cando haberá un descanso para xantar. Pola tarde, retomarán a actividade ás 16:00 horas co brilé, para rematar ás 20:00 horas coa loita galega. As Olimpíadas Rurais Interpobos deste ano pecharán a segunda edición ás 21:00 horas coa clausura e entrega de premios.

A actividade enmárcase no Programa Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, polo que conta co financiamento da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia.

Programación completa das Olimpíadas Rurais Interpobos do CDR O Viso.
Programación completa das Olimpíadas Rurais Interpobos do CDR O Viso.

NOTICIAS A LIMIA | As Olimpíadas Rurais, listas para premiar ao mellor pobo da comarca