O Concello de Xinzo de Limia impulsa nesta Semana Santa un novo Campus Multideporte dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, como medida para favorecer a conciliación das familias durante os días non lectivos.
A actividade desenvolverase no Pavillón de Deportes de Xinzo os días 14, 15 e 16 de abril, en horario de 10:00 a 14:00 horas. O programa incluirá unha ampla variedade de disciplinas deportivas como hockey, karate, rugby, esgrima, tiro con arco, fútbol sala ou baloncesto, entre outras.
O prezo da inscrición será de 50 euros para nenos e nenas empadroados no concello e de 65 euros para non empadroados. As inscricións están abertas ata o 4 de abril, podendo formalizarse de xeito presencial no propio pavillón ou chamando ao teléfono 664 518 705.
Este campus súmase ao xa coñecido Easter Camp en inglés, ampliando así a oferta lúdico-educativa do Concello de Xinzo para estas datas.
