Os servizos de meteoroloxía determinaron alerta amarela até as nove da mañá deste domingo por frío nas comarcas do sur de Ourense. Xinzo, onde nas primeiras horas do sábado a AEMET rexistrou valores de -11ºC, a mínima este inverno, amenceu hoxe cunha temperatura de -9,4º ás sete da mañá, segundo os datos da propia Axencia Estatal.
Mentres, MeteoGalicia informaba na súa web que a temperatura media desta madrugada foi de -6º na chaira da Limia, fronte aos 0º en Calvos e aos 1,7º en Baltar. O instituto galego estimou esta media con datos recollidos entre a unha e as seis da mañá.
A evolución da temperatura nos rexistros da estación da AEMET en Xinzo recollía unha caída de seis graos entre as 11 da pasada noite e as sete da mañá. Xinzo despediu o sábado a -3,7º e sete horas despois estaba a -9,4º. O sábado, o valor extremo alcanzouse ás nove da mañá con -11,4º.
As previsións de MeteoGalicia para mañá son que as temperaturas subirán lixeiramente, mais continuarán por baixo dos cero graos en toda a comarca, con valores mínimos de entre -3º e -5º en Baltar e Calvos, e ao redor dos -8º en Xinzo.