jueves. 21.11.2024

A Xunta Directiva do Padroado do Museo da Limia acordara, durante a xuntanza do pasado sábado día 6 de novembro, concederlle á Asociación LIMISI o Premio Pedra Alta 2021 da IV edición. Un galardón en recoñecemento polo seu traballlo e axuda a persoas con discapacidade e diversidade funcional en toda a comarca da Limia.

O Premio Pedra Alta deste ano é unha réplica en granito da Pedra Alta do escultor Xosé Lois Carrera. O agasallo será entregado aos membros da asociación este sábado día 20 ás 12:00 horas na Casa do Concello de Vilar de Santos xunto a un diploma acreditativo deseñado por Manolo Seoane e Lola Peláez. A maiores, haberá actuacións musicais do pianista Luis Humberto Cao e do tenor, Baldomero Pavón.

En representación de LIMISI, acudirán a recoller o premio a presidenta da entidade, un vogal, e a secretaria da asociación e usuaria do Centro Ocupacional, Araceli Losada Lamas, a cal respondeu unha serie de preguntas relacionadas co galardón e a organización.
 

-Que supuxo para vós a concesión deste premio?

"Que nos fagan un recoñecemento público coma este, e ademáis sendo o premio cultural e social máis importante da Limia, para nós é moi gratificante. Pois por un lado da visibilidade ao noso traballo e servizos, e por outro recoñece o esforzo e labor a prol da diversidade funcional. Non o esperábamos e chegounos por sorpresa, pero estamos moi agradecidas de que se poña en valor a labor da nosa asociación".

-Como se formou a asociación? Os obxectivos que tiña seguen a ser os mesmos hoxe?

"A principios dos anos 90 houbo un intento de formar unha asociación, esta asociación chamábase PROMISI, pero por falta de diñeiro non foi adiante e disolveuse. Algúns anos máis tarde, concretamente no ano 2002, fundouse a asociación LIMISI que empezou soamente con catro persoas e os seus familiares.

LIMISI formouse co principal obxectivo de poder prestar atención a persoas con discapacidade intelectual sen ter que abandonar os seus domicilios e lugares de residencia, pois ata entón para recibir calquera tipo de atención había que desprazarse como mínimo á capital da provincia. A meta inicial era ter un centro ocupacional que prestara atención diaria a estas persoas con discapacidade intelectual, pero co tempo fomos detectanto novas demandas e necesidades na comarca e arredores e fóronse adaptando e ampliando os obxectos da nosa intervención e actividades".

-Que actividades estades a levar a cabo?

"Os principais servizos a día de hoxe son cinco:

- Un Centro Ocupacional para persoas con discapacidade intelectual, con capacidade para 20 persoas e que a día de hoxe ten 19 ocupadas, con atención diaria. Este servizo é o máis visible, polo que somos máis recoñecidas e o alma mater de LIMISI.

- Gabinete Educativo-Rehabilitador onde a través de terapias individuais ou en pequeno grupo un equipo multidisciplinar atende a persoas con necesidades especiais -non só con discapacidade, ainda que son a maioría- .

- Intervención Socio-Educativa é un servizo relativamente novo que da apoio en diferentes concellos da provincia de Ourense a persoas con diversidade funcional que se atopan en risco de exclusión social.

- Información, asesoramento e orientación a familiares de persoas con diversidade funcional. Sensiblización da poboación.

- E por último temos un piso no que pretendemos poner en funcionamento una vivenda tutelada para persoas con discapacidade intelectual, este proxecto toma o nome de “LIMISI fogar”.

-Cantos voluntarios tedes este ano? E en total dende que se formou a asociación?

"Agora mesmo temos tres voluntarios polo programa “Corpo Europeo de Solidariedade” -antigo Erasmus+- son dous de Armenia e un de Turquía, e dúas voluntarias locais. Hai uns meses remataron os programas de voluntariado xuvenil e senior subvencionados pola Xunta de Galicia, nos que tivemos 12 voluntarios ao longo do verán.

Foron moitas as persoas voluntarias que en todos estes anos pasaron por LIMISI, non sabería dar un número pero centos... Poñemos moito énfase en favorecer e facilitar o voluntariado pois cremos que é una figura importante sobre todo para facilitar as relacións sociais das persoas con diversidade funcional de xeito natural e de axudar e prestar apoio en moitas das nosas actividades".

-A canta xente axudastes ao longo destos anos?

"Hoxe temos máis de 100 persoas usuarias en activo nalgún dos nosos servizos, e sobrepasamos os 600 socios/as. Pero non sabería dicirche con exactitude a canta xente temos dado servizo, pero a moita, moitísima…"

-Como se pode colaborar con vós?

"Quen o desexe pode axudar facéndose socio/a colaborador por una aportación mínima de 15€/ano. Estas persoas socias teñen beneficios en diferentes establecementos colaboradores locais, polo que outro xeito de axudar é facerse establecemento colaborador e servir de motivación para que a xente sexa socia ofrecéndolle descontos e promocións.

Por suposto tamén poden axudar a través do voluntariado ou mercando os nosos productos e servizos (productos de artesanía, reparto de publicidade, detalles para eventos, productos de segunda man, campañas de entroido, nadal, calendario solidario, etc.) todos eles realizados por persoas usuarias do centro ocupacional".

-Cales son os voso plans ou proxectos de futuro?

"Agora estamos centradas en poñer en funcionamento a vivenda tutelada, e en varias insercións laborais para persoas con discapacidade. Pero nas nosas cabezas sempre están novos proxectos e novas formas de ofrecer sevizos que axuden a aumentar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional".

-Tedes algunha petición de apoio que facerlle aos veciños de Xinzo e da comarca?

"Con que sigan como ata agora xa nos conformamos! Por sorte contamos sempre co apoio e colaboración dos veciños e veciñas, colaboran con nós sempre que poden e sentímonos queridas, arroupadas e valoradas. O que si que nos gustaría é ter máis estabilidade económica, e non ter que estar cada ano pendientes de ter financiamento suficiente para manter todos os servizos, pero iso está máis en mans da administración pública que dos veciños…"

NOTICIAS A LIMIA | Araceli Losada, de LIMISI: "Agora estamos centradas en poñer en...