A memoria da auga é un libro de contos, unha obra colectiva, a historia dunha aldea narrada polos seus protagonistas seguindo o fío da auga. A auga é a fonte da que bebe a memoria nestes contos. Foi un traballo de meses. Con Camilo Vila, traballador do Viso, como instigador e compilador. Nun dos talleres, a finais de abril, un grupo de veciñas e veciños terminaban de dar forma a un dos contos que se publicou hai unhas semanas neste xornal a modo de adianto editorial: A pesca.
A PESCA
'A pesca', un adianto editorial do libro 'A memoria da auga' que se presenta o sábado en Boado.
— Diario do Limia (@diariodolimia) June 23, 2022
Ás 19:00 horas, na escola.
💧💧💧https://t.co/BWmwOWuVe7
A menoria da auga recupera historias de veciñas e veciños con nomes, apelidos e alcumes. Historias notábeis da vida en Boado, que é a aldea de Camilo e na que se mergullou, a súa, para devolver á vida toda esa riqueza agochada, e tamén de Porto Alto.
A auga, contan as xentes de Boado e Porto Alto, era, por suposto, moito máis abundante e limpa antes. En Boado hai mananciais, ríos e fontes (varias nas rúas da aldea) e por aí empezou o Camilo a recoller o fío cada xoves que reunía veciñas e veciños na vella escola, diante dun mural con fotos e branco en negro.
A menoria da auga presentarase este sábado, pasado mañá, nesa mesma escola de Boado, diante dese mural e coas cadeiras e sofás nas que sentaron durante estes últimos meses os autores e o compilador. Será ás 19:00 horas. E O Viso, que edita a obra, convida ao acto coa seguinte mensaxe: "A veciñanza de Boado e Porto Alto xúntase nesta aventura de rebuscar e recoller historias da auga. Usos e desusos. Risas e choros. Xente vella e xente nova. Este libro é outra escolma da moita vida que a auga lle deu ó rural".
Todos os contos contan o que aconteceu. E, como adoita acontecer coa memoria, retoman debates que non se acabaron de pechar ou abren outros novos. Algúns, moi serios. Outros, menos. A tarde que estaban a rematar o conto da pesca, produciuse unha discusión sobre que familia puxo o primeiro aparello eléctrico para quecer a auga en Boado. Pode que no libro estea a resposta. A auga dá moita vida; a memoria, non para.