sábado. 23.11.2024

Adriana Jiménez e Suso Fariñas sentan no Bar Monforte o primeiro día de chuvia de 2022 en Xinzo, este martes. É 4 de xaneiro e apenas falta un mes para que o Entroido 2022 arranque o 5 do mes que vén co Petardazo. Mais, por culpa da covid-19, todo está no aire. A esta altura, o Entroido oficial, o que se ocupan de organizar Adriana e Suso e catro persoas máis, entre eles o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, só ten claro o cartel.


A obra que anunciará os carnavais deste ano é obra do equipo de Amphilocos, unha axencia de xestión cultural con sede en Xinzo da Limia (e na web: https://bit.ly/3EUV1rG). O cartel é até hoxe un segredo. A comisión organizadora, que preside Adriana, aínda non tomou a decisión sobre a data de presentación. A programación toda depende da evolución da última onda da covid-19.


“Non vai ser un Entroido como os de antes da pandemia. Non se pode pensar niso, por suposto. Chegaremos até onde nos deixen chegar as normas sanitarias”, confesa con certo pesar a presidenta, que di que, posibelmente, haxa que renunciar aos concertos e ás orquestras. Non ten sentido obrigar ao público a seguir un concerto sentado, anota. 

Suso Fariñas e Adriana Jiménez, da Comisión do Entroido de Xinzo (2). 04.01.2022Suso Fariñas e Adriana Jiménez | FOTO: Diario do Limia.


Tamén, tendo en conta as limitacións actuais, a festa podería verse limitada polos horarios de feche da hostalaría. “O bo é que o Entroido faise na rúa, e se a xente respecta as normas, pois poderase facer na rúa... sempre que non nos teñan a todas encerradas na casa”, advirte a presidenta, agora ocupada co resto da comisión en falar coas charangas habituais e contarlles unha por unha isto mesmo: que todo está no aire.

“O bo é que o Entroido faise na rúa, e se a xente respecta as normas, pois poderase facer na rúa... sempre que non nos teñan a todas encerradas na casa” (Adriana Jiménez)


Suso Fariñas sabe que o Entroido non parará. Será diferente, pero haberá Entroido haxa ou non programación oficial. “Non é unha festa que necesite organización nin programa oficial... o Entroido faino a xente”. Fariñas lembra que durante o franquismo houbo anos moito máis difíciles. “Non será masivo, será familiar, algo noso, porque na situación actual sería unha tolemia pensar noutra cousa. E nese Entroido como os de hai moitos anos temos posta a nosa esperanza e ilusións”, afirma. 


A comisión organizadora non se fixou unha data para tomar unha decisión. Se a situación sanitaria volvera ser a que foi antes do Nadal -coa hostalaría aberta, público de pé nos concertos, reunións de persoas que non conviven-, a comisión iría adiante co ciclo completo entre o 5 de febreiro e o 6 de marzo. “Non se pensa en reducir ou eliminar partes, o Entroido é un todo, e así arrancaría”, precisa Fariñas. 


Adriana Jiménez e Suso Fariñas baixan, só un intre, as máscaras para a foto na rúa. Chove, pero sorrín. Inevitabelmente o Entroido 2022 recuperará certa espontaneidade, sabores antigos, pobo. Ningunha ditadura nin epidemia puideron até hoxe con el. 

NOTICIAS A LIMIA | O cartel do Entroido está listo; todo o demais no aire…