jueves. 21.11.2024

Durante todo o día do venres desta semana impartirase un curso sobre as posibilidades de comercialización da pataca ecolóxica na Casa da Cultura de Xinzo de Limia. Un evento organizado pola Consellería de Medio Rural e Agacal -Axencia Galega da Calidade Alimentaria- .

As xornadas terán como obxectivo coñecer as tendencias e demandas do mercado no tocante á pataca ecolóxica e as posibilidades de comercio da mesma. Tamén incluirán un apartado sobre o regulamento da produción ecolóxica no que se tratará o problema do cambio climático, entre outros temas. Co taller quérese contribuír á mellora do sector agrario, consolidando un modelo productivo e sólido, e xerando interés nel por parte das novas xeracións.

O curso dará inicio o venres ás 9:00 horas da mañá cunha breve presentación de quince minutos seguida do primeiro contido teórico no que se falará da situación do mercado da pataca ecolóxica. O bloque durará ata as 11:00 horas, momento a partir do cal se fará un breve descanso de 20 minutos. Ás 11:20 tratarase, durante 50 minutos, a temática do novo regulamento da produción ecolóxica e posteriomente comezará unha clase sobre a comunicación ambiental de produtos ecolóxicos. A parte teórica da xornada rematará cun coloquio dende as 13:30 ata as 14:00 horas. Haberá unha sesión práctica de tarde na que se visitará o campo de ensaio A Corda, en Sandiás, en horario de 16:00 a 18:00.

A inscrición ao curso pódese facer enviando ao correo [email protected] a solicitude correspondente que se atopará na páxina web da Consellería de Medio Rural. Para máis información ponse a disposición do público o teléfono 988 788 365.

NOTICIAS A LIMIA | A Casa da Cultura de Xinzo de Limia ofrecerá un curso sobre as...