No día de onte, os nenos e nenas dos colexios de educación infantil e primaria da Limia, puideron desfrutar do regreso da nova tempada de XOGADE, un programa da Consellería de Deportes que promove a participación e competición deportiva dos escolares dos centros educativos de toda Galicia. A anterior edición da iniciativa vírase suspendida o ano pasado por mor da crise pandémica, pero este 2021 consegueu retomarse baixo as medidas protocolarias.
A xornada de onte, organizada pola Agrupación Deportiva a Limia, levouse a cabo no complexo deportivo de A Moreira de Xinzo dende as 10:45 da mañá ata a 13:00 do mediodía. Estivo centrada na modalidade atlética do campo a través. Nela competiron os alumnos de segundo, terceiro, cuarto e quinto curso de diversos colexios da comarca, os cales sumaron preto de 140 participantes. No caso de Xinzo de Limia, inscribíronse uns 80 cativos e cativas -contando 40 do CEIP Rosalía de Castro, e outros 40 do CEIP Carlos Casares- .
Os participantes enfrontáronse ás probas por categorías según a súa idade e sexo. Houbo un total de catro seccións: a benxamín masculina ou feminina, e a alevín masculina ou feminina. Na primeira, os máis cativos percorreron uns 800 metros aproximadamente, e na segunda, os maiores correron unha distancia de 1.200. Debido ás restriccións da pandemia, as actividades realizáronse dentro do recinto deportivo.
Todos os clasificados recibiron unha medalla, e os gañadores -por equipo- foron premiados cun trofeo. Pero, sen dúbida, o máis valorado da sesión foi á volta ao deporte tras case dous anos de parón. Os cativos puideron gozar dunha xornada de encontros e divertimentos con outros compañeiros, recuperando a esencia dos tempos de antes da pandemia.
Dentro do marco do programa, prevense levar a cabo moitas máis actuacións deportivas despois do Nadal no Concello de Xinzo de Limia. Por exemplo, realizar outra competición de campo a través para os maiores -de sexto curso ata primeiros anos do instituto-, torneos ou campionatos de atletismo, bádminton, balonmán...