O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, visitou hoxe Xinzo de Limia para presentar unha obra de saneamento para “a condución e tratamento dos vertidos da zona do antigo matadoiro, a avenida de Portugal, a estrada de Baltar, as piscinas e o pavillón”. Porén, Quiroga eludiu detallar prazos de execución e orzamento.
Quiroga insistiu en que aínda é pronto para coñecer canto custará e cando se fará a intervención. “Estamos co pistoletazo de saída do que despois será a obra. Hoxe iniciase formalmente e a pé de obra o proxecto. O proxecto rematarase no mes de outubro e, a partir de aí estaremos en disposición de asinar o convenio, e entre finais de ano e principios do ano que vén, licitar a obra”.
O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que estivo acompañado pola alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, e os concelleiros Amador Díaz, Ramón Gómez e Rafael Penabad, tampouco quixo avanzar un praza para a finalización da obra, que incluirá unha senda peonil e un carril-bici, en ambas marxes, no tramo desde a estrada de Baltar á rúa Sitibal. “Cando se rematará? Primeiro hai que empezala. Despois do proxecto e despois do convenio, a idea é empezar a obra no primeiro trimestre do próximo ano”, dixo.
Foi a alcaldesa de Xinzo, a preguntas do Diario do Limia, quen precisou os prazos para a actuación máis urxente sobre o estado do paseo e dos camiños nas marxes do río neste tramo urbano: a roza da vexetación diante das queixas de veciñas e veciños. “Farase nos próximos días, dado que o calendario de rozas leva unha orde estrita e estas semanas estanse a completar aqueles núcleos que comezan as festas”, dixo Elvira Lama solicitando a confirmación do responsábel do servizo, o tenente de alcalde e concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz.
“A explosión de calor e as chuvias dos días seguintes fixo que a vexetación medrase”, desculpouse a alcaldesa, quen hai unhas semanas, nunha entrevista co Diario do Limia, adiantou que o seu goberno ten a intención de que “Xinzo empece a vivir máis de cara o río” e que esta actuación da CHMS sería “un primeiro paso para accións posteriores sobre o curso do río”.
A respecto do investimento da obra que financiará a CHMS, dependente do Ministerio para la Transición Ecológica, José Antonio Quiroga dixo que será “unha obra moi importante cun calado económico moi importante, pero haberá que esperar ao proxecto para poder falar de cantidades”.
PRESA GUDÍN
No caso da presa de Gudín no río Faramontaos, un obstáculo que está previsto eliminar, a CHMS si ten cuantificado o investimento: 800.000 euros. O proxecto de demolición está rematado e queda o visto bo do Ministerio para la Transición Ecológica. “Unha vez que a tramitación está no Ministerio, falar de prazos é un risco, pero está moi adiantada”, asegurou Quiroga.
A SECA
Tamén ofreceu o presidente da CHMS datos sobre a seca. Na provincia lévanse recollidos “nestas datas” 558 litros por metro cadrado cando a media histórica é de 1.010 litros, indicou José Antonio Quiroga. E a continuación explicou que as medidas debátense nas reunións mensuais da Mesa Técnica da Seca, e que se están “a enviar cartas a concellos, regantes e outros colectivos” para advertilos e que actúen con “responsabilidade, xestión e aforro”.