jueves. 21.11.2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantivo esta mañá unha reunión con representantes municipais da comarca da Limia para abordar a situación das prazas de pediatría do centro de saúde de Xinzo que dan servizo a toda esta área.

Na reunión, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, e polo xerente da área sanitaria ourensá, Félix Rubial, o conselleiro garantiu a alcaldes e alcaldesas a continuidade destas prazas, que non serán en ningún caso amortizadas, e o traballo do Servizo Galego de Saúde para manter a súa cobertura.

Comesaña explicou aos alcaldes que as prazas non están actualmente vacantes senón cubertas por profesionais que nestes momentos se atopan en situación de incapacidade temporal. Por este motivo e pola escaseza xeneralizada de pediatras dispoñibles para contratar, o Sergas está a recorrer á colaboración de profesionais doutros puntos da área para cubrir a atención á poboación infantil da Limia.

Con todo, o responsable sanitario informou tamén aos representantes locais do traslado solicitado por un dos pediatras que actualmente ocupan estas prazas e garantiu que, en canto este se faga efectivo e a praza quede efectivamente vacante, será ofertada para ser ocupada de xeito estable por calquera pediatra que a solicite mediante os procesos precisos de convocatoria.

Mentres tanto, Comesaña garantiu o traballo da xerencia da área sanitaria para manter a cobertura da asistencia pediátrica e a obtención de cita en menos de dous días grazas aos reforzos temporais de persoal que se precisen.

Reunión no salón de plenos

Esta tarde, ás 20:00 horas, a Plataforma Loita Pediatras Da LImia ten convocada á cidadanía a unha reunión no salón de plenos do Concello de Xinzo de Limia para dar conta da reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García. Estarán presentes os alcaldes que participaron no encontro. 

NOTICIAS A LIMIA | O conselleiro garante as dúas prazas de pediatría, aínda que agora...