jueves. 21.11.2024

O goberno de Xinzo de Limia recibirá nos próximos días o informe elaborado pola Policía Local sobre a posibilidade de reverter á situación anterior á pandemia a distribución no espazo urbano da Feira de Xinzo.

O concelleiro de Comercio, Manuel Pérez Campos, explicou este martes, día de feira na vila, que a próxima semana podería convocarse de novo a comerciantes e hostaleiros do centro, ademais dos feirantes, a unha xuntanza para analizar esa posibilidade en base ao que diga o informe da Policía.

O concelleiro considera que a praza San Roque, a rúa Toural e mesmo a contorna da praza de abastos poderían volver a acoller postos da feira, mais non todos os que había antes da pandemia. “Temos que evitar as aglomeracións”, insiste, e asegura que na Toural, por exemplo, “podería volver a haber postos, pero só dun lado da rúa”, e que na praza e na rúa San Roque “non caben todos os que estaban se queremos manter distancias e espazo por cuestións de seguridade”.

Entre os hostaleiros e comerciantes da zona do centro que asistiron á reunión no Concello hai un mes percibíase esta mañá certa preocupación. “Aínda non temos resposta ningunha do goberno municipal, pero sabemos que moitos feirantes verían ben regresar ao centro”, di un dos hostaleiros.

Non caben todos os que estaban se queremos manter distancias e espazo por cuestións de seguridade”, explica o concelleiro Pérez Campos.

 

Na feira, con boa afluencia a primeira hora para evitar os rigores da calor, entre as feirantes e os feirantes hai opinións diversas. Moitas recolocarían os postos. “A nosa familia leva tres xeracións na feira e como veciños de Xinzo somos solidarios cos hostaleiros. Unha feira fana os postos, os bares, as froiterías, as churrerías. A feira é do pobo. A miña familia ten visto nacer e esmorecer feiras. Na Coruña, no barrio dos Mallos, quitárona cara un descampado e xa non é nin a metade do que foi. Aquí corremos o mesmo perigo”, di Josito no seu posto de roupa este martes na rúa Carmen Novoa, que se habilitou despois da pandemia. E conta que lle dixo o mesmo á alcaldesa naquela reunión de principios de maio.

Feira en Xinzo (2) (FILEminimizer)
Julián, que leva catro décadas vendendo roupa na feira de Xinzo, esta mañá no seu posto.

Da mesma opinión é Diego, que leva 30 anos na feira. El ten o posto xunto a rotonda do parque. “Antes estabamos máis preto da Dous de Maio. Alí había bares e postos de cousas distintas. Aquí agora é todo roupa. Móvese menos xente. A ver que di a alcaldesa, pero nós queremos volver onde estivemos sempre”

Na rúa do Parque ten a súa churrería móbil o dono da Churrería Mary, que está na rúa Toural. Alí empezou no ano 96. O local no Toural inaugurouno xusto antes do confinamento. “Foi empezar e ter que pechar. Despois resistimos vendendo cafés e chocolates para levar cando Xinzo estivo pechado”. Agora di que non lle importa que movan ou non a feira, “que sexa o que diga a xente, pero paréceme que o Concello non quere”. Pensa que se volvese haber postos diante do seu local, a churrería sairía beneficiada. Para os seus intereses, a situación actual é mala porque hai dous postos de churros moi próximos á Mary.

Feira en Xinzo (4) (FILEminimizer)
A Churrería Mary empezou en 1996 a vender churros na feira. No 2019 montou un local na rúa Toural.

Julián, outro veterano da feira (“levo 40 anos, e cando empecei de roupa só nos púñamos dous”), di que el xa se habituou a montar o posto na rúa Carmen Novoa. “É máis cómodo. Temos a furgoneta detrás. E ninguén nos di que molestamos. Porque algúns dos que hoxe queren que a feira volva ao centro, antes queixábanse de que lles estorbabamos”.

Tampouco se quere mover Abdul, senegalés que vende bolsos e empezou na feira en Xinzo hai dez anos. “Aquí temos tamén moitos clientes e, sobre todo, podemos traballar máis cómodos [son dous este martes de feira nun posto de máis de oito metros]. Témolo mellor para descargar que antes na praza Maior. Hai más espazo. E, se chove, recollemos rápido na furgoneta. O único é que ás veces chegas e quedan coches estacionados e hai que esperar a que os retiren antes de montar o posto”.

Feira en Xinzo (5) (FILEminimizer)
Abdul, co seu posto, este martes na feira de Xinzo.

Na tenda Colimovel, unha moblería de Braga que percorre o país de feira en feira, de Fene a Betanzos, de Escairón a Maceda, tamén están ben onde están. “Sempre procuramos unha esquina da feira. Así, podemos aproveitar a feira para facer reparto por Xinzo. Para nós é o mellor sitio”. Xusto ao lado están os valados metálicos que pechan o mercado na rúa Carmen Novoa cara á Sitibal. No posto de adornos persoais de Ignacio, as pezas son miúdas, pero tamén eles se senten cómodos na rúa ampla. “Trabállase mellor, máis tranquilos, para nós está ben e iso que levamos moitisimo tempo noutros sitios da feira”.

Feira en Xinzo (3) (FILEminimizer)
O posto de adorno persoais da empresa de Ignacio, un dos habituais desde hai décadas na feira.

Manuel Pérez Campos, o concelleiro, terá difícil contentar a todos. A Policía Local presentará un informe con estas e outras opinións e unha recomendación. O goberno de Elvira Lama deberá mediar entre a opinión técnica e as diferentes demandas veciñais. “A feira é do pobo. E se non a devolven ao centro, polo menos que dinamicen esta rúa”, pide Josito. A disxuntiva está en volver a situación anterior e que algún poida quedar sen sitio ou manter as cousas como están. 

NOTICIAS A LIMIA | Disxuntiva a respecto da Feira de Xinzo: volver atrás, mais non todos