sábado. 23.11.2024

Este martes a media mañá o acceso principal a Xinzo desde Ourense, a N-525, ten o tráfico habitual. “O xefe non está e eu ando moi ocupada”, di a muller que atende a esta hora a gasolineira da avenida de Ourense. 

“Esa gasolineira leva aí desde antes que eu cheguei hai máis de 40 anos”, comenta un home na barra dunha das cafeterías de enfronte. “Nunca se puxeron beirarrúas, pero a xente cruza igual dun lado para o outro”. Desde dentro da barra, o propietario, un home maior, di: “algo escoitei da reforma, si; ensinoume as fotos no móbil, Antón”.

“Que me parece? Paréceme ben, por suposto. Para cando é?”, pregunta o propietario. Antón toma café nunha esquina da barra. “Parece que van cambiar todo, xa era hora”, comenta. “O primeiro que teñen que arranxar é o problema da auga, aquí inúndase todo cada pouco tempo. Primeiro que cambien os tubos e despois que fagan o resto”, protesta o dono.

“Vin as fotos si”, intervén o fillo do dono, que acaba de chegar. “Estes edificios son dos oitenta, noventa. Isto vai ganar vida. Coas beirarrúas, o carril bici... Traerá xente. O que me parece é que han reducir as prazas de aparcamento. Agora xa para menos xente. Antes da autovía, isto era coches e camións, e, claro, máis clientes”.

A gran transformación desta parte de Xinzo, comprometida polo goberno municipal hai menos dunha semana, vai chegando á veciñanza. Mais non a toda. Unha muller que sae cara o centro, detense, escoita e descúlpase: “Son veciña, si; pero de verdade que non escoitei nada diso”

Tampouco no bar que fai esquina cun dos puntos críticos, a última rotonda de saída, o dono sabe nada da reforma anunciada. Na rúa, un home que cruza por un paso de peóns que apenas se intúe en  dirección á zona escolar, tamén se desculpa: “Son profesor nun dos institutos, pero veño de fóra. Non vin nada, síntoo”.

Que si sabe e lamenta non ter tempo para contar todo o que ten que dicir é Isabel, unha veciña da avenida de Ourense desde hai trinta anos. “Cóntolles rápido e vou axudar ao meu fillo que anda coas patacas”.

Beirarrúa na zona onde vive Isabel, unha das veciñas que mostra a súa indignación co estado das infraestruturas básicas na avenida. 

“Miren como está isto. Hai pouco caeu unha señora e rompeu un brazo. Nós levamos aquí 35 anos e sempre problemas. Ao principio había unhas beirarrúas e mire o que queda. Tiveramos que ceder terreo e, por riba, pagar. Eu fun das últimas en pagar. Tamén hai veces que falta a auga, si. Todo isto está abandonado. Non é de agora. É de sempre. Pero temos moito medo de nos unir para protestas. Queixámonos, pero non hai quen levante a voz. Pregunten, pregunten... Non quero saír nas fotos, as fotos que teñen que se ver son isto”, di e sinala outra vez á beirarrúa.

Entre a rotonda do Gadis e os institutos, onde hai coches aparcados nas beirarrúas, obstáculos que non se sabe ben que finalidade cumpren ou cumpriron, ocos sen árbores, ocos sen máis... pasa un home en bicicleta, como anunciando o carril bici, máis vai en dirección contraria polo carril de servizo cara o centro.

Valados na beirarrúa de acceso aos institutos, xunto á rotonda.

Na última rotonda antes dos institutos a beirarrúa da marxe esquerda, na esquina, onde o bar no que non saben nada da reforma, un valado protexe aos peóns da tentación de cruzar por onde non deben. O profesor que vai a clase esta mañá, e que tampouco coñece nada dos plans do Concello e do Goberno, si respecta o trazado. As rapazas e rapaces, non sempre. Os técnicos e a alcaldesa dixeron na presentación do venres que a mellora da seguridade viaria é un dos obxectivos da reforma. Mais mentres nos institutos a Garda Civil e o Concello ofrecen charlas, a diario as cousas seguen igual. Na outra marxe non hai beirarrúa.

Paso de peóns na zona. O Concello comprometeuse a iniciar esta semana o pintado en todo Xinzo.

“Esta avenida ten unha historia... Aquí houbo quen se beneficio facendo auténticas chapuzas na canalización. E así estamos. Cada pouco, avaría. Prometéronse, e cobráronse, beirarrúas que nunca se executaron. E a cousa chegou aos xulgados. É certo que antes había moito máis tráfico, pero creo que o peor foi na época da discoteca, ese edificio abandonado que está aí ao lado. Había ruído, accidentes. En fin, unha historia...”, conta Celso, propietario dun taller na zona.

“A min a reforma paréceme estupenda. Xa era hora. Levamos anos e anos esperando, recibindo promesas, pero sen ver nada feito”, lamenta. “As obras? Pois haberá que aturalas, con que podamos seguir traballando... As obras son necesarias se queremos ter algo digno, non cre?”.

Avenidas. Urbanismo. Reforma. Foto bar
  “Isto vai ganar vida. Coas beirarrúas, o carril bici... Traerá xente”, din nun bar da zona.

Enrique, propietario doutro negocio, di que non ten constancia de que o Concello de Xinzo tivese falado antes coa veciñanza. “Comigo, desde logo non”. Tamén el é escéptico. Ve o que hai. Aínda non alcanza o que pode haber.

“Eu o que sei é que neste tramo non se pode aparcar. Pero a pintura amarela desapareceu hai tempo, e o sinal de prohibición está alá adiante, moi lonxe, e veñen os coches e métense. Tamén me preocupa como han facer os retranqueos ou tomar o terreo que precisen. Porque os precedentes non son moi tranquilizadores. Aquí en Xinzo temos visto como a algúns se lle respectan as propiedades e ao veciño do lado, non”.

“Que si me gusta? Claro que me gusta. Mire o que temos. Penso que vai ser cousa boa para toda a xente de Xinzo. Que se faga xa e cando antes, mellor”.

Malia todo, Enrique está a favor do que viu. “Que si me gusta? Claro que me gusta. Mire o que temos. Espero que metan o carril bici polos dous lados, porque me pareceu que neste tramo ía só por un. Penso que vai ser cousa boa para toda a xente de Xinzo. Que se faga xa e cando antes, mellor”.

“As obras? Pois haberá que aturalas, con que podamos seguir traballando. As obras son necesarias se queremos ter algo digno, non cre?”.

De momento, os coches amontóanse en aparcadoiros improvisados nun dos lados da avenida e, do outro, as beirarrúas son unha sucesión de subidas e baixadas e pequenas trampas. Nun banco, ao principio deste tramo, moi preto da rotonda de Celanova, onde comezará o máis espectacular da promesa de transformación urbana, tres maiores, dous homes, unha muller, acomódanse nun banco público. O asento está acolchado con cartóns e cinta de embalaxe. A xente aquí vai adaptando a contorna as súas necesidades.

NOTICIAS A LIMIA | Entre o escepticismo e a esperanza