O Executivo local do Concello de Xinzo propoñerá hoxe, durante o pleno de outubro que se celebrará ás 12:00 horas, a declaración da localidade coma municipio turístico. Unha iniciativa que ten coma obxectivo potenciar a vila máis alá do atractivo do entroido.
Terase moi en conta a gran relevancia de reclamos coma o Museo do Entroido, o Mosteiro de Trandeiras, as nove igrexas románicas repartidas ao longo do territorio, a Torre de Pena, e demais riquezas naturais.
Na sesión tamén se tocarán outros puntos relevantes, coma a "aprobación da modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público por mesas e cadeiras, tribunas, elementos auxiliares, taboados e outros elementos análogos". Co fin de axudar ao sector hosteleiro -moi afectado por mor da crise pandémica- , o concello prorrogará outro ano máis a exención do pago das terrazas para toda a hostalaría.