jueves. 21.11.2024

[ACTAULIZACIÓN: 13:00 horas] A Comandancia da Garda Civil de Ourense confirmou ao mediodía a identidade de home que morreu durante un incendio na súa casa de Ganade, a uns cinco quilómetros de Xinzo, ao pé mesmo da OU-301 que une Xinzo con Bande. Trátase de Xosé Luis V. D., de 78 anos, mestre xubilado, que vivía só na vivenda.

"Estabamos recollendo o bar. Serían as doce e media cando marchou o último cliente. Uns minutos máis tarde, antes da unha, parou un coche e avisou que estaba ardendo a casa alí adiante", conta a propietaria do bar Casa Pacita, do outro lado da estrada, a uns cen metros da vivenda queimada. "Chamamos desde un móbil ao teléfono de emerxencia e os rapaces saíron cara o lume".

Varios veciños acudiron de inmediato. "Saían lumaradas pola porta da esquerda e deseguido empezou arder tamén o segundo piso", conta este sábado pola mañá un dos mozos que intentou prestar auxilio. A porta do centro case está intacta. A da dereita, por fóra, non sufriu danos. Todo o interior son cinzas. "Normalmente tiña o coche aparcado aí diante, e como non vimos o coche pensamos que igual non estaba dentro"

A alerta no Centro Integrado de Atención de Emerxencias saltou á unha da mañá. Mobilizáronse os bombeiros de Xinzo de Limia, do 061, á Policía Local, á Gardia Civil e Protección Civil. "Antes das dúas estaba todo apagado. A casa por dentro era toda de madeira, e botaba tanta calor que os bombeiros aínda tardaron uns minutos en poder acceder", conta un veciño.

O home, Xosé Luis, foi atopado morto polos servizos de urxencias baixo os restos da pranta superior da vivenda que se viñeron abaixo como consecuencia do lume. 

Incendio en Ganade. Febreiro (3)A vivenda ten dous andares, pisos moi altos, e o exterior, de pedra, e o tellado permanecen intactos mais coa pegada do lume. A casa, propiedade da familia, ten un almacén adosado na traseira e comparte finca coa propiedade colindante. Todas as fiestras e persianas romperon. No exterior, entre restos calcinados de obxectos e móbeis, hai varias bombonas e unha estufa de butano. A Garda Civil indicou ao mediodía que a investigación está aberta e aínda non se poden determinar as causas do incendio.

Xosé Luis, de 78 anos de idade, víuvo, cun fillo e netos en Ourense onde residiu durante anos, contan os veciños, era un mestre xubilado que desde hai uns meses, "desde o verán", apuntan varios veciños, volveu vivir a Ganade, á casa familiar, despois de pasar uns anos nos Blancos. Precisamente nos Blancos exerceu como mestre moitos anos.

En Ganade conservaba familia. "Un irmán del está aquí", explicaba esta mañá outro veciño no barrio Rigueiro. "Era un home maior que tiña algunha dificultade nun brazo, pero aínda conducía e se vía ben. Coincidín con el o outro día no bar e falamos do tempo. Dixo que estaba pensando en comprar unha manta eléctrica".

O lume foi de madrugada, mais a maioría das veciñas e veciños sabían da noticia esta mañá. "O meu fillo saiu. Ao pouco veu e díxonos: está ardendo a casa do Luis, non vaiades, xa están os bombeiros...", di unha muller que se achega á casa que ardeu e comenta cos condutores dos coches que paran no cruce preguntando que pasou.

Incendio en Ganade. Febreiro (1)Incendio en Ganade. Febreiro (2)Imaxes do estado da casa despois do incendio.

NOTICIAS A LIMIA | O home falecido no incendio da súa vivenda en Ganade fora mestre nos...