jueves. 21.11.2024

Onte tivo lugar na Casa da Cultura de Xinzo unha xuntanza de portas abertas á que calquera persoa da vila podía acudir para colaborar na organización das festas, ben formando parte da Comisión, ou simplemente aportando algúnha suxerencia ou opinión relativa á celebración deste vindeiro ano.

Os asistentes á reunión foron só oito, entre os cales se contaban a catro membros da propia Comisión, dúas persoas de prensa e outras dúas do propio concello. Ningún veciño e veciña da vila allea ás entidades ou agrupacións xa establecidas relacionadas co Entroido asistiu.

Durante a posta en marcha da organización houbo dúas posturas confrontadas entre os asistentes. Algúns defendían ter un Entroido nomal, tal coma se fixera o resto de anos, sen aplicar restricións extremas derivadas da crise pandémica que estamos a pasar; outros, pola contra, apoiaban unha festividade máis tradicional e cautelosa, con limitacións a prol de frear as multitudes e os contaxios por coronavirus. Este tema seguirá en pé durante as próximas xuntanzas esperando chegar a un acordo común.

Polo momento hai algunha cuestión fixada: haberá carpas -en principio na praza Maior e na praza de Oriente- , alugaranse baños portátiles, e irase mirando a decoración que se aplicará nesta edición. A incorporación na programación de concertos e charangas e o xeito de facelo tendo en conta as medidas covid segue a estar a debate.

Con todo, xorde esta pregunta: Preocúpalle realmente aos veciños e veciñas de Xinzo de Limia a organización do seu Entroido? A sua participación e interese nesta primeira posta en contacto foi moi deficiente. Quizais a medida que se aproxime a nova data a resposta cambie de dirección...

NOTICIAS A LIMIA | A veciñanza dá as costas á primeira convocatoria para organizar o...