A decisión de pechar a piscina climatizada de Xinzo tomouse no mes de xuño, dixo a alcaldesa, Elvira Lama, este xoves nunha rolda de prensa posterior ao pleno municipal. “A decisión tómase en canto chegan en maio ao Concello as facturas do gasóleo por 70.000 euros en catro meses, e iso suporía que o gasóleo suporía uns 200.000 euros este ano. Isto unido aos 90.000 que para o Concello supón no capítulo de gastos de persoal asumir, porque así o decidiu un xuíz e así se pactou no xulgado, que ese traballadores [da piscina climatizada] pasen ao convenio colectivo do Concello. A decisión tómase en canto temos imposibilidade de buscar e contratar socorristas externos para as piscinas exteriores”, comezou explicando Elvira Lama. E despois matizou que a decisión do peche se tomou en xuño.
O pasado 20 de xuño, o Diario do Limia entrevistou nas piscinas exteriores, en obras, aos concelleiros de Deportes (Rafael Penabad, PSOE) e Urbanismo (Ramón Gómez, AXIL). Preguntado Penabad polas novidades no servizo para este verán, fixo referencia a incorporación como persoal do Concello de Xinzo desas dez traballadoras e traballadores que permitirían levar unha “xestión municipal, menos o bar” das piscinas exteriores. O concelleiro de Deportes non fixo referencia ningunha ás dificultades para topar socorristas. Nese momento, daba xa por feito unha “xestión municipal” co persoal municipal incorporado.
Este xoves, preguntada Elvira Lama por que non se comunicou publicamente no seu momento a decisión de pechar a piscina cuberta, dixo: “Aos usuarios non se lles enviou unha carta explicando os motivos, e ao mellor precisamente aí está o erro, por parte desta alcaldesa e da concellería de Deportes”.
Tanto no pleno como na rolda de prensa posterior, a alcaldesa sinalou as dificultades para soster o gasto e inmediatamente informou de que o servizo da piscina climatizada viu reducido o seu número de usuarios despois da pandemia. Segundo os datos do goberno local, en xullo de 2020 a piscina climatizada tiña 234 abonados, en xullo de 2021 eran 155 os abonados, e agora mesmo son 104. A recadación polas cotas doutro tipo de usuarios tamén seguiu a mesma tendencia.
“Optimización de recursos”, resumiu a alcaldesa. “Con todos os respectos a eses abonados, que sei que moitos deles van por cuestións terapéuticas, non nos quedaba outra solución que o persoal prestara servizos nas piscinas exteriores”.
POLÉMICA POLA CONTRATACIÓN DO PLAN DE IGUALDADE
Na mesma rolda de prensa, e a preguntas do Diario do Limia, a alcaldesa afirmou que o contrato do Concello de Xinzo de Limia coa empresa Red Talento, dirixida por Laura Seara (ex política socialista) que se ocupa de elaborar o Plan de Igualdade municipal, ten un custe de 9.700 euros. “É un contrato de servizos coa maior experta recoñecida a nivel autonómico, nacional e, atrévome a dicir, que internacional, que participa en moitísimos foros e que ten manifestado sobrada experiencia. Estamos nas mellores mans, e ademais facendo un bo labor porque a empresa ten traballadoras que son do concello de Xinzo”, comentou Elvira Lama.