Mes e medio despois da reunión de hostaleiros, comerciantes e feirantes coa alcaldesa, Elvira Lama, e o responsábel municipal de Comercio, Manuel Pérez Campos, o goberno local segue sen tomar unha decisión sobre o regreso de parte dos postos da Feira de Xinzo aos espazos da praza Maior e das rúas San Roque, Toural e Ladeira, habituais antes da pandemia. Pasaron 45 días e, polo camiño, tres feiras (e o luns, a cuarta) e o Concello non ten resposta.
O informe da Policía Local, encargado polo goberno de Elvira Lama, xa está redactado e entregado. As recomendacións da Policía Local son coñecidas como tamén a opinión de hostaleiros e comerciantes (queren que volvan os postos) e a dos propios feirantes (haino que queren volver e hainos que non, como informou o Diario do Limia o día da última Feira o pasado 14 de xuño).
Aquel día, o concelleiro Pérez Campos dixo que estaba á espera de coñecer o informe policial. Xa o ten. E manifestou a súa disposición para se reunir cos feirantes a semana seguinte. Esa reunión non se convocou. Tampouco se convocará esta próxima semana, a última do mes. En declaracións onte ao Diario do Limia, Pérez Campos aduciu "problemas de tempo". A xuntanza non se producirá antes de mediados de xullo, estimou. E calquera solución para a Feira non se levará a efecto antes da Feira do 27 de xullo... como moi pronto.
Que di o informe da Policía Local?
O concelleiro de Comercio non quere desvelar o contido do informe da Policía Local. Mais si admite que o regreso á situación anterior á pandemia é "inviábel". Pérez Campos esperará á reunión cos feirantes, aberta tamén a comerciantes e hostaleiros, para dar a coñecer os detalles, pero avanza que nas antigas localizacións "non hai sitio para todos". Considera que esa será unha dificultade que se pode superar "porque non todos queren volver". Pensa Pérez Campos que se poderán recolocar "aproximadamente á metade dos postos" entre a praza, e as rúas San Roque e Toural, "aínda que só nunha das beirarrúas en cada caso", e habilitar tamén algún espazo na rúa Ladeira.
𝙌𝙐𝙀 𝙁𝘼𝘾𝙀𝙍 𝘾𝙊𝘼 𝙁𝙀𝙄𝙍𝘼 𝘿𝙀 𝙓𝙄𝙉𝙕𝙊? | 𝗢 𝗴𝗼𝗯𝗲𝗿𝗻𝗼 𝗹𝗼𝗰𝗮𝗹 𝗲𝘀𝗽𝗲𝗿𝗮 𝗼 𝗶𝗻𝗳𝗼𝗿𝗺𝗲 𝗱𝗮 𝗣𝗼𝗹𝗶𝗰𝗶́𝗮 𝗽𝗮𝗿𝗮 𝗿𝗲𝗰𝗼𝗹𝗼𝗰𝗮𝗿 𝗮𝗹𝗴𝘂́𝗻𝘀 𝗽𝗼𝘀𝘁𝗼𝘀 𝗼𝗻𝗱𝗲 𝗮𝗻𝘁𝗲𝘀 𝗱𝗮 𝗽𝗮𝗻𝗱𝗲𝗺𝗶𝗮.
— Diario do Limia (@diariodolimia) June 14, 2022
👇👇👇https://t.co/LZXUWPyweY
Malestar
Despois da polémica a principios de ano a respecto da peonalización da rúa e da praza San Roque, e de que o goberno local comezase a aplicar con máis rigor as normas de estacionamento no casco vello, o malestar do comercio e da hostalaría da zona canalizouse cara a procura de consensos que permitisen recuperar parte do pulo comercial desas rúas. A proposta inmediata foi recuperar a Feira para o centro.
Agora, mes e medio despois de que esa iniciativa se formalizase nunha reunión e de que naquela reunión o goberno de Elvira Lama quedase en estudar e responder á demanda, comerciantes e hostaleiros expresan certo malestar. Non volveron ter noticia directa da atención que o goberno local lle está prestando á cuestión.