jueves. 21.11.2024

“Coincidindo coa época de verán, cando a poboación se multiplica en Xinzo de Limia, o Museo Galego do Entroido abrirá todas as fins de semana para amosar aos visitantes o seu potencial cultural”, comeza a nota de prensa emitida este mediodía polo goberno local de Xinzo de Limia, cinco días despois de que, o pasado venres, a Deputación abrise de novo as portas do Museo.


O Diario do Limia avanzou a noticia o venres e realizou a primeira visita.  O departamento de prensa do Concello de Xinzo non realizou ningunha comunicación oficial ese día. Só nas redes sociais oficiais, cinco horas despois de que este xornal adiantara a nova, se publicou un pequeno texto de dúas liñas cos horarios.


Este martes, o goberno local decidiu facer público un comunicado no que se atribúe a iniciativa de “intentar impulsar [o Museo] e dinamizalo por ser un referente cultural e para convertelo tamén nun polo de atracción turística”. 


E lembra que “representantes do goberno local e da Dirección Xeral de Patrimonio mantiveron reunións nas que a alcaldesa, Elvira Lama, e o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, mostraron a intención do executivo de dinamizar as instalacións coa inclusión do centro cultural no Sistema Galego de Museos”. Iniciativa da que se fixo eco o Diario da Limia, así como da actuación de Elvira Lama, en calidade de deputada provincial, diante do goberno da Deputación e que remataron nesta reapertura.


A nota de prensa do goberno local tamén sinala que “a Deputación de Ourense é a entidade responsable do espazo dende a súa cesión por parte do Concello de Xinzo ao ente provincial no anterior mandato”, e considera que “aquela decisión non está dando o resultados que se esperaban, así que despois dun tempo de proba que se torna razoable para certificar que o museo non está a funcionar como se agardaba, o executivo local trata de buscar novas medidas para impulsalo”.

NOTICIAS A LIMIA | O goberno de Xinzo informa cinco días despois da apertura pola...