Mirian Opazo, creadora audiovisual, é a nova responsable local do BNG de Xinzo, que mantén na portavocía a Camilo Vila e na viceportavocía a Manuel Pozo.
O Bloque de Xinzo clausura a etapa de Carlos Pérez “Siro” como figura de responsabilidade orgánica e cede o testemuño a Mirian Opazo Ojea, que será a encargada de capitanear o momento doce que vive o BNG tanto no concello limiao coma no resto do territorio galego.
Carlos Pérez conclúe catro anos de liderado cun balance “máis que positivo”, tralos éxitos nacionalistas nas eleccións municipais e autonómicas, onde se consolidou como alternativa ó Partido Popular. Continuará a súa labor unha muller con perfil político e creativo.
Opazo afronta con ilusión e garantías este paso na súa carreira: "Síntome moi afortunada de apoiar este momento de crecemento do BNG, cunha base militante sólida e cun representante na casa consistorial inmellorable como é Camilo Vila".
Mirian Opazo segue ligada á universidade de Salamanca onde se formou en Belas Artes e Produción Audiovisual. A súa curtametraxe "Ningún Deus" foi premiada no Festival de Cans na súa última edición e fora galardonada nos premios Galicia Crea 2022.
Así as cousas, o organigrama do BNG de Xinzo queda protagonizado por Mirian Opazo como responsable local, Camilo Vila como voceiro e representante do grupo municipal, Manuel Pozo como vicevoceiro, Marta Joga e Leticia Diz como responsables de Comunicación e Estratexia, Andrés López como analista e Alba Feixóo como asesora.