viernes. 22.11.2024

A área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras conta cun novo servizo para dar apoio á Atención Primaria. Hai poucos días creáronse sete equipos de soporte para a atención domiciliaria (ESAD) nas zonas rurais, compostos por 14 novos profesionais. Na Limia, Leticia Salgado e Vanesa Pereira serán as encargadas de visitar ás persoas, de todos os seus concellos, que o precisen nos seus domicilios, ao igual que na Baixa Limia. Este equipo, o catro, cubrirá as zonas dependentes do PAC de Xinzo e de Bande. 

Nestes primeiros pasos que está a dar esta nova iniciativa, tanto Salgado como Pereira visitarán a unhas 400 persoas inmobilizadas, polo que precisan atención nos seus domicilios. O traballo que farán estes días é visitalos para "valorar a súa situación, porque pode haber algún que ao mellor xa non está inmobilizado ou tamén algún falecido que aínda non consta no historial", explica Salgado. A máxima prioridade son aqueles "que leven máis de seis meses sen recibir a visita do seu médico e enfermeira", apunta Salgado.

Este proceso inicial de cribado permitirá coñecer en que situación se atopan cada un dos pacientes. "Faremos unha valoración integral dos pacientes inmobilizados que están nos seus domicilios, sempre en comunicación co equipo de Atención Primaria que lles corresponda, e en caso de detectar algunha necesidade, seríamos as encargadas de transmitila", detalla Salgado. O prioritario é descargar cargar de traballo aos centros de saúde, xa que os pacientes inmobilizados, de idades avanzadas, requiren dunha visita "polo menos dúas veces ao ano, cada seis meses".

Temos que detectar calquera tipo de necesidade e transmitila ao médico ou enfermeira de cabeceira de cada paciente (Leticia Salgado, enfermeira do ESAD Xinzo-Bande)

Nos fogares poderán coñecer aos coidadores destes pacientes, aos que lles poden xurdir necesidades derivados deste tipo de enfermos. "Temos que detectar tamén iso, porque se o paciente está mal e o coidador tamén, entramos nun círculo negativo", sinala Salgado. O contacto co traballador social do centro de saúde será constante, polo que se pode actuar en caso de precisar algún tipo de axuda social. "Hai moitos que non saben que existe unha Ley de Depedencia ou non saben como solicitala, polo que lles decimos que poden acudir ao traballador social resolver dúbidas ou ter axuda en trámites", engade.

Outra das funcións específicas que asumirán estes equipos é a vacinación nas residencias sociosanitarias, xa que os que se formaron por mor da pandemia van deixar de funcionar. Ademais, farán seguimento dos pacientes destes centros, nos que non teñan persoal sanitario. "Estas son as funcións do principio, xa que nun futuro tamén serán nosos os pacientes paliativos ou os derivados do HADO (hospitalización a domicilio)", conta Salgado.

Os ESAD buscan mellorar a calidade da atención dos pacientes do rural, reforzando a Atención Primaria. No conxunto da provincia, os sete equipos atenderán a unha 2.200 persoas con centros de saúde designados na área do Carballiño, a de Allariz-Maceda-Castro Caldelas, Celanova, Ribadavia-Coles, O Barco-Trives-Viana do Bolo e Verín.

NOTICIAS A LIMIA | Uns 400 pacientes contarán cun novo servizo de atención no domicilio