O Sindicato Labrego Galego acaba de informar da creación de dous cursos de formación que se impartirán na comarca da Limia durante o mes de outubro -e un pequeno anaco de novembro- . Un deles estará centrado na ensinanza de coñecementos informáticos para todos aqueles traballadores do sector agrario, e o outro enfocarase no mundo da botánica, amosando a selección e elaboración de plantas aromáticas e menciñais.
O curso de informática impartirase dende o día 18 ao 21 de outubro na aula de informática do Concello de Xinzo de Limia, en horario de mañá de 10:00 a 13:00 horas. As clases estarán deseñadas para os empresarios do sector agrario que queiran obter unha información introductoria ou xa avanzada no tocante á realización de trámites través de Internet.
Os contidos a impartir adaptaranse ao nivel de cada un dos alumnos e tamén según as cuestións que eles pregunten. A información básica que se pretende ensinar centrarase nas xestións que a maior parte de autónomos xa poden realizar telemáticamente, coma envío e solicitude de documentos a Facenda, á Seguridade Social, á Oficina Agraria Virtual ou ao Portal da Xunta. Tamén se responderán dúbidas xerais respecto ao uso do certificado dixital, das redes socias, o correo electrónico, manexo xeral do teléfono móbil...
En caso de querer inscribirse ao curso de informática deberase contactar por teléfono no 988 462 547 ou escribir ao correo electrónico [email protected].
O curso de transformación e elaboración con plantas aromáticas e menciñais levarase a cabo no pobo de Vilar de Gomareite, pertencente ao Concello de Vilar de Barrio. Será os días oito, 18, 27, 29 de outubro, e o 11 de novembro en horario de tarde, de 15:30 a 19:30 horas. O obxectivo das clases é poder coñecer e distinguir moitas das plantas que temos arredor para saber se son comestibles ou menciñais.
Durante tres días, un experto en plantas conducirá aos alumnos polo bosque de Vilar de Gomareite para identificar diversas especies de herbas. Despois da súa recollida, nunha sesión de dúas xornadas, procederase a explicar todo o proceso de elaboración necesaria -como a maceración, o secado, o corte requerido, se se ten que usar a flor, a semente ou as follas...- para comezar a fase final de creación de cremas, emulsións ou infusións.
Para inscribirse ao curso de botánica deberase chamar ao 687 589 711 ou ben escribir ao correo electrónico [email protected].