martes. 03.12.2024

Nunhas declaracións onte ao Diario do Limia, Antonio Fernández, portavoz municipal do PP en Xinzo de Limia, criticou a forma en que o goberno local comunicou á veciñanza a decisión de pechar as rúas San Roque, Lepanto e da Igrexa durante esta fin de semana (a medida entra en vigor hoxe ás 13:00 horas até as 07:00 horas do martes) e advertiu que “este nunca foi o modo de proceder de anteriores gobernos do PP nos que calquera decisión que se tomase que puidera causar malestar ou dificultades ás veciñas e veciños comunicábase a todos os grupos”.


Fernández lamentou que o goberno de Elvira Lama (PSOE) non tivese “convocado á Xunta de Portavoces ou unha Comisión Informativa para dar conta da medida e explicar os motivos que levaron a tomala”. Mais o portavoz do PP non se amosa sorprendido, “é a forma habitual de actuar deste goberno”, di. E insiste na queixa dos populares: “Non temos constancia dos detalles do peche. Simplemente, acabamos de coñecelo [onte] polos medios”.


Non é esta a única queixa que os populares expresaron contra o goberno de Elvira Lama. Nun Bando publicado o pasado xoves, 14 de xuño, a Alcaldía fixo “un chamamento aos veciños para que tomen conciencia da necesidade de aforrar no consumo de auga e reducir os usos prescindibles pola situación de seca. Tales circunstancias levarán á realización dun consumo racional, eficiente, axustado e solidario no uso da auga potable”. 


Ao día seguinte da publicación do Bando, o PP recibiu críticas “dun concelleiro do grupo de goberno de Elvira Lama”, segundo indica Antonio Fernández, porque “o camión de baldeo da Deputación Provincial [gobernada polo PP] estaba realizando as súas funcións de limpeza de rúas no centro de Xinzo”. O portavoz municipal do PP rexeita a crítica contra a Deputación. “O que pasou é que o mesmo goberno de Xinzo que está pedindo aos seus veciños un consumo racional e eficiente non avisou á Deputación de que desde este venres renunciaba a ese servizo”, explica Fernández.


O PP de Xinzo de Limia cuestiona tamén o compromiso “real” do goberno de Elvira Lama coa redución do consumo de auga que expresaba no Bando, e engade que “por non controlar, o goberno cuatripartito nin controla as perdas de auga nos sistema de rego dos parques”, incide Antonio Fernández, que pon como exemplo as perdas “que puideron producirse no Parque do Toural este mesmo venres por unha avaría que estivo sen atender durante horas”.  
 

NOTICIAS A LIMIA | O PP critica que non se informe á corporación da decisión de pechar...