martes. 03.12.2024

"A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, mantivo reunións con representantes da Dirección Xeral de Mobilidade e Sanidade e mostrou a súa disconformidade co servizo que unha empresa de autobuses galega oferta para esta fin de semana, toda vez que o retorno dende a vila ata Ourense levaranse a cabo a altas horas da madrugada", informou este venres pola tarde o goberno local. "Dada a negativa da Xunta de Galicia a modificar os horarios ofertados pola empresa, Elvira Lama solicitoulles que garantan a seguridade sanitaria e o orde público, especialmente nas saídas de Xinzo de Limia a Ourense", resume a nota.

Monbus dixo o xoves ao Diario da Limia que, malia o malestar da Comisión do Entroido, mantería o servizo especial de buses para o Entroido de Xinzo desde Ourense, con paradas en Allariz. 

O gran Sábado de Entroido en Xinzo, que engade a feira do mes e o paso da terceira etapa da volta ciclista O Gran Camiño, comeza con polémica. O Concello de Xinzo e a Comisión do Entroido tomaron medidas para limitar no posíbel as aglomeracións no Entroido, mais non contaron co factor Monbus. 

Para esta tarde están previstos cortes de tráfico na N-525 de 17:00 horas do sábado a 06:00 horas da mañá do domingo. Mais antes, a partir da 13:30 horas, o dispositivo de seguridade do Gran Camiño tamén cortará o tráfico para o paso da carreira, que entrará na vila por Baronzás, seguirá pola rúa Curros Enríquez e a praza Carlos Casares, e xirará diante da praza Maior pola N-525 cara a Ourense. 

track camiño 3
Rota da terceira etapa do Gran Camiño que pasa hoxe pola Limia. | IMAXE: ograncamino.gal

META VOANTE

A terceira etapa do Gran Camiño, cun recorrido de 180 quilómetros entre Maceda e Luíntra, terá un rápido paso pola Limia. Segundo o libro de ruta, entrará por Cancillós (Vilar de Barrio) minutos antes das 14:00 horas, para seguir pola OU-1103 cinco quilómetros até Vilar de Barrio. De alí a Xinzo, pola OU-1102 e a OU-1117 até o xiro cara a Baronzás no quilómetro 30 de etapa. En Xinzo haberá unha meta voante: quilómetro 33 de carreira. Despois continuará pola N-525 saíndo por Coalloso, Sandiás e Piñeira de Arcos camiño de Allariz.

O limiao Carlos Canal (Euskaltel Euskadi) non puido estar no grupo de cabeza na segunda etapa, que rematou onte na subida do Ézaro. Gañou o australiano Michael Woods, por diante de Alejandro Valverde. Canal finalizou na praza 53.ª  2 minutos e 6 segundos do vencedor. Na xeral, que tamén encabeza Woods, Canal marcha a 2 minutos e 17 segundos. O corredor galego do Euskaltel ten máis opcións na clasificación do maillot branco: está sétimo a 1 minuto e 21 segundos do líder provisional, o italiano Filippo Zana. 

POSTO AVANZADO DO 112 E VIDEOVIXILANCIA

A Axencia Galega de Emerxencias montará hoxe un Posto de Mando Avanzado na praza Maior para coordinar o dispositivo de seguridade do Sábado de Entroido, que estará operativo desde as 22.00 horas até as 6.00 horas. O dispositivo inclúe cinco videocámaras nos seguintes puntos: cruzamento da avenida de Ourense coa rúa Marcelo Macías; esquina avenida de Ourense coa rúa do Peto; avenida de Madrid, fronte a Praza Xoán XXIII; esquina da rúa Constitución con San Roque; e na Praza Maior.
 

NOTICIAS A LIMIA | Protesta este venres da alcaldesa de Xinzo polos buses de Monbus