jueves. 21.11.2024

A enxeñeira agrónoma Laura Meno presentou a súa tese de doutoramento coa que quixo contribuír á sostibilidade da produción da pataca, afondando no coñecemento da alternariose, unha enfermidade fúnxica que é unhas das principais preocupacións dos agricultores. A investigadora da Universidade de Vigo traballou nas terras da Limia, "unha das principais comarcas produtoras de pataca a nivel estatal", para axustar os modelos de predición da enfermidade ás condicións climáticas e agrícolas e así empregar funxicidas de xeito correcto e xustificado. Isto non é só bo para o medio ambiente, tamén para os petos, porque supón un aforro económico no sector.

Meno explica que “nos últimos anos, estase a observar un incremento da temperatura global e unha diminución das precipitacións durante as épocas estivais como consecuencia do cambio climático”, o que afecta tanto ao cultivo de pataca como ao seu rendemento e ata ás pragas e enfermidades que as atacan. A alternariose é unhas delas xa que ten unha “clara tendencia a incrementar a súa incidencia”.

 

A investigadora recoñece que nos actuais métodos de control de enfermidades empregados no sector- calendarios preestablecidos-, realízanse aplicacións "innecesarias ou que chegan tarde ao ataque". Tendo en conta que o Pacto Verde Europeo ten por obxectivo reducir nun 50% o uso de pesticidas, Meno estudou de que xeito se pode reducir o seu uso nos cultivos da pataca na Limia. "O obxectivo é contribuír a que os agricultores poidan controlar esta enfermidade empregando de xeito xustificado os fitosanitarios, é dicir, só cando realmente é necesario ou hai risco de infección", destaca.

A tese ten tres obxectivos. Un é o de investigar a influencia das condicións meteorolóxicas no desenvolvemento da alternariose no cultivo da pataca e avaliar o impacto do cambio climático sobre o cultivo e a enfermidade. Axustar modelos de prognóstico da alternariose á zona de produción como ferramenta para a toma de decisións á hora de aplicar tratamentos fitosanitarios, ver a evolución da calidade da pataca e a presencia de patóxenos durante o almacenamento. Por último, aplicar a tecnoloxía de infravermello cercano (NIR) para a rápida determinación dos principais parámetros fisicoquímicos indicadores de calidade.

Na parte experimental, a investigación levouse a cabo en varias parcelas da Lima e da comarca Allariz-Maceda, dende o ciclo de cultivo do anos 2016 ata o 2022, e en dous almacéns. As variedades de patacas probadas foron: Fleur Bleue, Frisia, Fontane, Louisa, Agria, Daifla, Red Pontiac, Kennebec e Desiree.

Unha das parcelas nas que se levou a cabo o estudo.
Unha das parcelas nas que se levou a cabo o estudo.

 

Meno destaca que, entre as conclusións obtidas, os estudos amosaron que “a temperatura é un dos factores decisivos no ciclo de infección de alternaria. Sobre a humidade indica que uns altos valores son necesarios para a presenza de conidios no ambiente. Ademais, apunta a enxeñeira agrónoma, o emprego de intelixencia artificial na investigación “proporcionounos unha ferramenta moi útil para a busca das variables máis determinantes na liberación de conidios, amosando que a humidade relativa e a radiación son as variables horarias máis determinantes no comportamento desta enfermidade”.

No tocante aos modelos testados, os baseados no desenvolvemento da planta amosaron unha predición máis acertada dos primeiros síntomas, mentres que os baseados no patóxeno foron “os máis conservadores”, prognosticando os primeiros síntomas ata 30 días antes da aparición das primeiras infeccións.

Sobre o as condicións ambientais de almacenaxe, as súas conclusións son que “a temperatura e a humidade tiveron unha relación positiva e significativa coa presenza de alternaria e doutras enfermidades que afectan a conservación dos tubérculos nos almacéns, como helminthosporium, sendo os coeficientes máis altos os de temperatura media e máxima”. Polo tanto, o emprego de situacións controladas durante o período de conservación pode axudar a prolongar a vida útil deste alimento en condicións óptimas de calidade.

NOTICIAS A LIMIA | Unha tese da UVigo aborda o uso sostible de funxicidas no cultivo da...