jueves. 21.11.2024

O Concello de Xinzo de Limia adheriuse a un acordo da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para a prestación do servizo de asistencia técnica a entidades locais na xestión das multas de tráfico. A empresa Vialine Gestión S.L. será a encargada de prover a asistencia técnica para a xestión e a notificación das multas.


"Trátase de nova tecnoloxía para a formulación de denuncias e acceso a bases de datos, lectores de matrículas, cámaras, sistemas de control de velocidade ou dispositivos para detectar os vehículos que se salten os semáforos en vermello", informa o Concello de Xinzo nunha nota de prensa este mércores.


A empresa adxudicataria será retribuída en función dunha porcentaxe sobre a recadación obtida. "Con esta adhesión, o traballo administrativo da Policía Local optimizarase considerablemente ao non efectuar a tramitación analóxica das denuncias", explica o comunicado municipal.


Segundo o goberno local, durante os próximos días, os axentes da Policía Local familiarizaranse co novo material e sistemas, "que non empezarán a empregar ata que se leve a cabo unha campaña informativa entre a cidadanía do municipio".


A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, asegura que mediante este acordo coa FEMP terán máis medios para velar polo cumprimento das normas de circulación e para garantir a seguridade viaria, “nun momento no que se está a dar prioridade aos peóns sobre os vehículos en zonas como o casco histórico e cando o Concello xa puxo á disposición da cidadanía aparcamentos ao aire libre que permiten liberar as principais rúas comerciais e dinamizar as compras”.


O goberno local lembra no comunicado que "o municipio suma preto de 400 prazas máis para aparcar gratuitamente no centro da vila e no entorno máis próximo". A seguinte iniciativa que estuda o goberno local para mellorar o servizo que presta a Policía Local ten que ver coa vixilancia e comunicación aos propietarios da obriga de manter limpas fincas e solares diante do risco de incendios.

NOTICIAS A LIMIA | Vialine participará na xestión das multas de tráfico de Xinzo