jueves. 21.11.2024

“Os traballos estaban rematados uns días antes de que se declarase a pandemia, imos abrir; pero pasou o que pasou”, explica Rafael Penabad, conselleiro de Deportes de Xinzo, este venres diante da Casa do Concello, minutos despois de participar no acto institucional polo Día Internacional do Pobo Xitano.

O Concello de Xinzo anunciou este venres que a sauna das piscinas volve estar aberta. A rehabilitación do espazo levaba feita dous anos. Mellorouse o mobiliario, as superficies e a iluminación. “O estado de conservación era deficiente e era necesario intervir”, explica Penabad. 

A sauna permaneceu pechada primeiro polas restricións sanitarias impostas, e, despois, por decisión municipal como medida de precaución. A mesma precaución que aconsella agora limitar o aforo a 4 persoas. “Imos ir con calma, con catro pensamos que estarán o suficientemente separadas”, di o concelleiro.

E lembra que no 2019 o goberno entrante encontrouse con que o ximnasio da piscina climatizada recibía filtracións da auga da sauna. “O ximnasio estaba cheo de recipientes para ir recollendo a auga”, di Penabad. En xeral, a instalación completa das piscinas necesitaba rehabilitación. “O primeiro que fixemos foi pintar. Algo que penso que non se fixo en máis de vinte anos que ten a piscina”, lamenta o concelleiro.

No inmediato, a intención do goberno local é actuar tamén na piscina exterior, cambiando o chan que rodea o vaso principal, “o que lle chamamos a praia da piscina”, aclara Penabad, porque a superficie actual é esvaradiza.

NOTICIAS A LIMIA | Volve a sauna ás piscinas de Xinzo, mais con limitacións