O Concello de Xinzo vén de anunciar a adxudicación da construción do que será o segundo aparcadoiro disuasorio da vila, desta vez, na avenida de Celanova da capital antelá. As obras foron adxudicadas á empresa Carreira Bella e o Executivo local agarda que a nova superficie de estacionamento esté en funcionamento antes do mes de agosto.
O presuposto das obras ronda os 15.000 euros e o prazo de execución é de 30 días. Neste segundo aparcadoiro público ao aire libre –o primeiro destas características construíuse na rúa Curros Enríquez- distribuiranse as 25 prazas en batería para optimizar o espazo dispoñible, que se adapta á forma triangular do terreo. Nun dos vértices irán un total de 11 espazos aptos para o aparcamento, mentres que o resto se repartirá entre os restantes. O proxecto contempla un amplo espazo para facilitar a mobilidade dos vehículos no interior do parking.