sábado. 23.11.2024

Nos anos do bom, en Xinzo vendíase unha vivenda cada dous días (e no 95% dos casos era vivenda de nova construción). Tres lustros (e varias crises) despois, apenas hai obra nova, o parque de pisos avellentou, os prezos caeron, a bolsa de vivendas baleiras, que a estatística sinala co eufemismo “segunda residencia”, é enorme, mais non abrolla no mercado de alugueiro.

As inmobiliarias consultadas polo Diario do Limia para a elaboración desta información avisan: hai unha gran demanda de alugueiro, pero a oferta é moi escasa. Resultado: os poucos pisos que aparecen neste mercado colócanse en 2 días. “E sempre son os mesmos, unha bolsa de pisos que se alugan e vólvense ocupar rápido en canto os deixan”, explican desde Invercoisa.

“Cero, nada en alugueiro, e así desde hai meses”, din na inmobiliaria A Plaza. “E xente hai, teño días de atender catro demandas de alugueiro pola mañá e catro pola tarde, mais nin se ven carteis nas fiestras nin anuncios en Internet”.

Os prezos non son unha barreira para a maioría dos inquilinos. Están no rango dos 250/350 euros mensuais por un piso medio (tres habitacións). E tampouco parecen un mal negocio para os propietarios. Pero o feito é que a oferta está en retirada... polo menos, a través das inmobiliarias.

Buscando as razón da retracción da oferta, o concelleiro de urbanismo, Ramón Gómez, explica ao Diario do Limia: “Construíuse moito naqueles anos do bom inmobiliario. Moita xente que estaba fóra, compraba. Hoxe os pisos están baleiros e en determinadas zonas, como a do polígono, hai moitos. Pero os propietarios, a maioría, prefiren non alugar, non queren problemas de impagos ou que lle deixen mal os pisos”.

“En calquera caso”, asegura o responsábel municipal, “non percibimos que haxa un problema de vivenda en Xinzo, quen quere alugar, ao final consígueo”. O mercado informal funciona para compensar a escaseza de oferta no mercado formal.

Inmobiliaria. alugueiros. Vivenda (1)
Ofertas de vivenda nunha inmobiliaria en Xinzo. | FOTO: DdL

Con datos de 2014, o Instituto Galego de Estatística informa que en Xinzo hai (había) 3.874 vivendas en réxime de tenencia principal. O 68% eran tenencias en propiedade. A maioría (1.985, xa pagadas; e 597 pendentes de completar o pagamento). En réxime de alugueiro só había naquela altura 375. Apenas o 9,6%.

“O mercado moveríase moito máis se se animase a oferta con incentivos que mellorasen a confianza dos propietarios", din nunha das inmobiliarias consultadas.

As estatísticas, as carencias da estatística, tamén son un problema. O mercado non está ben informado por esta parte. Tamén hai eivas na información sobre a normativa. “O mercado moveríase moito máis se se animase a oferta con incentivos que mellorasen a confianza dos propietarios. Hainos, hai novas normas, pero esa información non lle chega”, din desde a inmobiliaria Ferreiro Villar. 

Inmobiliaria. alugueiros. Vivenda (8)
Inmobiliaria Inverscoisa en Xinzo. | FOTO: DdL

“Nos últimos anos o AVE moveu o alugueiro. Igual o cambio de normativa despistou aos propietarios, descoñezo a razón, pero hai unha oferta de pisos en alugueiro que non casa coa demanda. En xeral os propietarios teñen pouca información, pero tamén hai que ter en conta que son xente dunha xeración que non precisa eses cartos e non sae deles pór as casas no mercado”, apuntan desde a inmobiliaria Invercoisa. 

O MERCADO DA VENDA

“Prefiren vender, polo que se pode... e para vender si hai oferta, igual non tanta como hai anos pero é un mercado que si se move”, din desde A Plaza. “O da venda é un mercado que tamén ten problemas. Non hai promoción de vivenda nova. Os construtores non se meten. Pasárono mal”, anotan en Ferreiro Villar. 

Inmobiliaria. alugueiros. Vivenda (3)
As vendas móvense máis, pero están moi lonxe dos anos do bom. | FOTO: DdL

Con datos provinciais, o número de vivendas de nova construción iniciadas en Ourense en 2019 representou un 5,7% das que se empezaran a construír en 2005, o ano de máximos. “No que respecta ás vendas, estamos cun stock de pisos de 20, 30 anos, xa antigos. Pero a xente resístese a analizar o mercado, quere vender por un prezo que igual non é o real... prezos moi altos, que si se axustarían á vivenda nova pero non para este outro tipo de vivendas”, comentan en Invercoisa. 

Nos anos do bom, a vivenda de segunda man era residual no conxunto das vendas. Hoxe, sen obra nova, máis da metade das vendas en Xinzo en 2019 foron pisos de segunda man.

Nos anos do bom, en Xinzo vendíase unha vivenda cada dous días. No ano 2007, que marcou máximos, foron 287; o ano anterior, 145; no 2008, 184... a partir do 2012 empezou a caída. No 2019 (70 vendas) e 2020 (84) as transaccións pareceron mellorar. A realidade é que nos anos do bom, a vivenda de segunda man era residual no conxunto das vendas. Hoxe, sen obra nova, máis da metade das vendas en Xinzo en 2019 foron pisos de segunda man (44), e 64 no 2020.

“Como levamos esta situación as inmobiliarias? Pois resistindo. Moitas somos negocios familiares e vas tirando”, din desde A Plaza. “Polo momento, e polo que respecta ao alugueiro, seguiremos con pouca cousa, a xente ten medo e seguirá con medo”, apuntan en Ferreiro Villar. E, desde Invercoisa apuntan cara algunha luz: “pode que os seguros de alugueiro, para os propietarios, axuden; estanse empezando a aceptar”.
 

NOTICIAS A LIMIA | En Xinzo, un piso en alugueiro non dura dous días no mercado