O primeiro mes de 2022 foi o mes de xaneiro máis cálido en Xinzo de Limia segundo o rexistro histórico de MeteoGalicia que arranca en 2003. Durante o pasado mes, a temperatura media foi de 12,4ºC, grao e medio por riba das que se alcanzaran en xaneiro de 2017 (11,8º) e dos 11,3 anotados no primeiro mes de 2004 e 2012, os seguintes xaneiros máis cálidos.
A máxima media histórica trouxo con ela a máxima histórica rexistrada nun día. Así, o pasado 1 de xaneiro Xinzo rexistrou unha temperatura de 18,8ºC de máxima. Até entón, a máxima nun día de xaneiro anotárase o 31 do primeiro mes de 2018 (18,1º). Os seguintes rexistros na lista corresponden a 2015 (17,8º o día 3) e 2003 (17,3, sen datos sobre a fecha).
A noticia o mes pasado eran as mínimas, que tamén estiveron en valores extremos a respecto dos rexistros históricos. Mais a variación máis significativa foi a calor. Aconteceu en Xinzo e en xeral na Limia e no sur de Ourense como na maioría do país.
“As máximas estiveron por riba do habitual, mentres que as mínimas quedaron por debaixo”, explica MeteoGalicia no seu informe mensual. “O valor medio das temperaturas máximas no mes de xaneiro para Galicia foi de 12,4ºC”, detalla. É dicir, en canto a temperaturas máximas, Xinzo estivo exactamente na media do país.
En canto ás mínimas, o informe di: “O valor medio das temperaturas mínimas no mes de xaneiro foi de 2,7 ºC. Os valores máis baixos rexistráronse na comarca da Limia con temperaturas medias que acadaron localmente os -0,5 º”. No caso de Xinzo, a mínima media en xaneiro foi de -2,4º.
Mentres que en Baltar foi de -1,9 e en Calvos de Randín, de -3,9ºC, a máis baixa de Galicia. Neste pasado mes de xaneiro de 2022, segundo os rexistros das estacións de medición de Baltar, Calvos e Xinzo, os días con mínimas máis baixas foron o 24 en Baltar (-6,8), o 29 en Calvos (-9,7) e o 31 en Xinzo (-10).
As de Xinzo e Calvos foron as mínimas absolutas en todo o país. E nos rexistros históricos da estación de MeteoGalicia en Xinzo non houbo un xaneiro coa mínima media tan baixa. Eses -2,4ºC están por riba dos -1,7 de xaneiro de 2019, e dos -0,6 de media no mesmo mes de 2015. Iso si, o día de xaneiro coa mínima máis baixa marcouse no 2009, con -10,9ºC. Non hai dato da fecha concreta.
XEADAS
O resumo de MeteoGalicia tamén ofrece datos sobre o número de días que xeou. Nesta serie o primeiro mes de 2022 está tamén entre os primeiros dos últimos vinte anos. Con datos desde 2003, só houbo un xaneiro con máis días de xeada: o de 2015, con 22 días. En xaneiro de 2022 vimos de ter 21 días.